viernes. 22.11.2024

Quince días despois de que o Diario do Limia fixese público o informe de reparo da Intervención municipal e dez desde que se aprobase no pleno por unanimidade ese mesmo informe, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, reuniu todos os membros do cuatripartito e convocou unha rolda de prensa para dicir que a oposición minte, e exhibir dous novos informes da Intervención posteriores ao primeiro (asinados o 16 e o 20 deste mes) como proba de que a oposición minte.

A alcaldesa sostivo que a interventora equivocouse naquel informe, porque tomou “como referencia” unha estimación de gasto para o 2022 feita no 2014. “Consideramos que se trata dun erro e consideramos que tamén queda aclarado pola propia Intervención [nos novos informes]”, sinalou Lama. Agora, a interventora recoñece que desde o ano 2016 quedaron en suspenso as estimacións anteriores “teniendo en cuenta que la situación económica de la Entidad había mejorado mucho con respecto a las estimaciones inicialmente calculadas”.

Lama subliñou que a afirmación que contiña o primeiro informe relativa a un nivel de gasto muy superior ao límite establecido era falsa. Mais esa era apenas unha consideración no informe da Intervención, que puña o foco sobre a falta de crédito en determinadas “bolsas de vinculación jurídica”.

Lama queixouse de que “a oposición, sendo consciente do mesmo [do erro], non dubidou en aproveitar de xeito irresponsábel e malicioso para crear alarma e danar o nome e a reputación do noso concello”.

Naquel documento a interventora incluíu unha relación de gastos que non dispoñen de “consignación suficiente para ser autorizados” e anotou que “todavía estamos en el mes de Agosto, por lo que se presupone que todavía se incluirán más gastos sin créditos presupuestarios hasta final del ejercicio 2022, situación que pone en grave riesgo económico a esta Entidad”.

Lama recoñeceu que ao respecto da falta de crédito en determinadas bolsas contra as que se realizaron gastos e se emitiron facturas, o que provocou o "reparo", a interventora leva razón. E considerou que se trata dunha “situación puramente administrativa” que se solucionará en canto sexa posíbel “se é preciso, como se fai cada ano, cun recoñecemento extra xudicial de crédito”.

Finalmente, a alcaldesa aproveitou a rolda de prensa para facer pública a débeda viva do Concello de Xinzo. Son 2.576.713,62 euros. E informou de que este goberno leva amortizados 1,2 millóns de euros desde o comezo do mandato no 2019. “Incluso a rebaixamos máis do que debiamos”, asegurou.

NOTICIAS XINZO | Elvira Lama acusa ao PP de “irresponsábel e malicioso”