NOTICIAS XINZO | O Goberno e a oposición entréganse á guerra dos informes
Antonio Fernández, portavoz do PP no Concello de Xinzo de Limia e candidato pendente de confirmación nas próximas eleccións, rexistrou este luns unha nova petición de informe ao departamento de intervención municipal. Pide o PP que a Intervención “aclare se o informe de reparo suspensivo é correcto”. É dicir, os populares queren que a interventora se reafirme no informe que deu inicio hai cinco semanas á batalla dos informes.
Para entender o que pide o PP é preciso volver ao principio. A comezos do verán, a interventora Esther Testa (desde febreiro con praza no Concello de Xinzo) remitiu un informe de reparo no que advertía ao goberno de Elvira Lama a respecto de determinados problemas coas contas.
O que di a interventora no seu PRIMEIRO INFORME é que o gasto corrente “é moi superior ao límite establecido” e que a Alcaldía estaba autorizando pagos “sen dispoñer de consignación suficiente”. En números: o goberno local tiña superado en 800.000 euros o límite de gasto, segundo a interventora; e incorreu en gasto por valor de 164.000 euros, segundo as facturas que senala a interventora, para as que non existe respaldo orzamentario.
A publicación polo Diario do Limia o día 5 de setembro daquel informe provocou un terremoto político. “Falaremos no pleno”, dixo aquel día o responsábel político da Facenda municipal, o concelleiro Manuel Pérez Campos.
O pleno celebrouse o día 9 de setembro, venres, e as explicacións de Pérez Campos foron vagas. A sombra da sospeita dunha mala administración dos cartos públicos mantívose sobre o goberno municipal malia que a alcaldesa apuntou aquela mañá o que sería a súa liña de defensa nos días seguintes. As cifras sobre o límite de gasto “están erradas, están mal calculadas”, dixo Elvira Lama. Mais o único que ficou claro no pleno foi que o goberno intentaba poñerse de perfil. “Non é máis que un reparo”, asegurou a alcaldesa, mentres Pérez Campos divagaba sobre as cifras de turistas no verán para xustificar un gasto que a Intervención cuestionaba desde o rigor da lei.
O PP botou leña ao lume, e a semana seguinte do pleno, o luns día 12, difundiu un comunicado no que acusaba á alcaldesa de “reiterados incumprimentos administrativos”, e incidía na cifra dos 800.000 euros de gasto “por riba do límite do plan de axuste establecido”.
Así chegou o SEGUNDO INFORME. Que foi presentado (polo goberno en pleno) como un contra informe... da interventora desdicíndose a si mesma. O texto tiña data do día 13 e distribuíuse nunha rolda de prensa convocada o día anterior para o mércores 16 sen indicar a razón da convocatoria.
No texto a interventora sinala as diferentes modificacións que sufriu o plan de axuste entre o 2012 e o 2022, e reitera que o que especificou no seu primeiro informe do 3 de xuño: “que las bolsas de vinculación jurídica estaban agotadas, que a fecha de dicho informe ya estaban comprometidos 6.423.976,73 euros de los 6.873.191,84 euros aprobados en el presupuesto del 2022 y que dichos limites también eran muy superiores a los que marcaba el plan de ajuste en las estimaciones realizadas en el año 2014 para el ejercicio 2022 (5.669.000 euros)”.
E finalmente anota: “También debemos recordar que están suspendidas todas las reglas de gasto para los ejercicios 2020,2021 y 2022”.
Iso di o segundo informe, e o que subliñou Elvira Lama, acompañada polos seis concelleiros do goberno, foi que non se superou o gasto que figuraba no orzamento para o 2022, que as contas tiñan o visto bo da Intervención e do Ministerio de Hacienda (que supervisa o plan de axuste) e que o erro do primeiro informe estaba en que se tomou como referencia unha estimación de gasto feita no 2014, cando desde o 2016 aquel teito estimado para o 2022 fora eliminado nunha revisión do plan de axuste. Así que Lama foi precisa: “O Concello non se excedeu en ningún caso no gasto previsto para este ano”.
Para o que non tiña resposta ningunha a alcaldesa era para a censura de Intervención por teren gastado sen dispor de cartos suficientes en determinadas bolsas dos orzamentos. Así que exhibiu un SEGUNDO INFORME-B: a amortización da débeda. E sacou outro titular que tiña pouco que ver co que se estaba poñendo en cuestión. “Rebaixamos a débeda en case 1,2 millóns de euros en tres anos”.
Sucede que no balbordo político os insultos e as descualificacións pesan máis que as matemáticas e a alcaldesa non resistiu a tentación de sinalar ao PP como “irresponsábel e malicioso”. Iso aconteceu un venres. E o xoves 22 o PP respondeu colérico. A rolda de prensa foi “unha pantomima, entre ‘lastimeira’, autoritaria e desafiante, para botarse flores, sin entrar, iso si, no detalle dos números e resultados en obras concretas”. E considerou que o goberno municipal emendaba “o informe duna profesional de carreira, erixíndose interesadamente en xuíces e parte, con afirmacións como que “custa crela”, e por tanto, deslexitimando a profesionalidade e o extenso informe de intervención”.
Agora piden o TERCEIRO INFORME. A solicitude do PP rexistrada o pasado luns, día 26, reclama que a Intervención “aclare” se o primeiro informe é “correcto”. É dicir, que se reafirme. E pon o foco sobre a cuestión que parece máis clara: non había cartos nas bolsas de vinculación xurídica para afrontar determinados gastos (que suman 164.000 euros).
Así pasou o mes de setembro. Aquel que pasará sen que se presenten nin o Plan Municipal de Saúde nin o Plan Estratéxico da Limia. Sobre iso non se discute.