Os populares volven poñer o foco na relación do goberno local con Xosé Ramón Carballo e Laura Seara

NOTICIAS XINZO | O PP desafía a Lama e pide que demostre a “herdanza catastrófica” cunha auditoría

Pleno da corporación municipal de Xinzo, o pasado día 9 de setembro. | FOTO: Noelia Caseiro.

Sobe a temperatura da política municipal en Xinzo de Limia. O PP ataca á alcaldesa despois de que a alcaldesa convocase onte unha rolda de prensa para reprender ao PP polo seu oportunismo no caso do Informe de reparo da Intervención. Se Elvira Lama cualificou ao partido da oposición como “irresponsábel e malicioso”; os populares responden sinalando como “autoritaria e desafiante” á actitude do goberno local, que compareceu na súa totalidade na rolda de prensa do mércores.

NOTA DE PRENSA COMPLETA DO PP DE XINZO. 22.09.2022


Nunha nota de prensa enviada este mediodía, o PP de Xinzo de Limia valora a rolda da alcaldesa cos seus concelleiros como “unha pantomima, autoritaria e desafiante, para botarse flores, sen entrar no detalle dos números e resultados”. Os populares sosteñen ademais que o acto “serviulles [ao goberno] tamén para botarlle a culpa de todas as adversidades que están pasando no concello, ao PP e ao ex alcalde Antonio Pérez Rodríguez”. 

O PP volve elevar o ton e di que está asesorándose “sobre posibles accións legais e consecuencias penais” das actuacións do goberno municipal. E reta a alcaldesa a “facer unha auditoría” da xestión anterior e expoñer os seus resultados “publicamente”. Di o PP que Lama “calumnia” e fala “sen probas” cando insiste “nunha herdanza catastrófica sen aportar un solo dato".


O PP sinala ademais ao responsábel de comunicación do goberno municipal, Xosé Ramón Carballo, de quen asegura que mantén co Concello de Xinzo un “substancioso contrato”, e apunta tamén á súa muller, a ex política socialista Laura Seara, responsábel da elaboración do Plan de Igualdade de Xinzo e do programa Hypatia que se desenvolve na actualidade en Xinzo, Sandiás e Vilar de Barrio.

O PP valora a rolda da alcaldesa cos seus concelleiros como “unha pantomima, autoritaria e desafiante, para botarse flores, sen entrar no detalle dos números e resultados”. 


Finalmente, os populares opinan que a rolda de prensa deste mércores intentou emendar “o informe duna profesional de carreira (...) deslexitimando a profesionalidade e o extenso informe de intervención que paralizou o pago de facturas por importe de 167.000 euros, como recoñeceu a alcaldesa”.