Situación mesetaria. Así describía esta mañá a curva da incidencia da covid-19 en Galicia unha responsábel do Comité clínico da Xunta de Galicia para expresar que se freou o ascenso do número de casos e a situación entra nunha fase de estabilidade. Na Limia hai este último mércores de xaneiro 366 casos activos, 22 menos que onte, un 5% de baixada nun día.
A curva parece que empezou a declinar esta semana. En Xinzo xa van dez días de caídas. Está hoxe no limiar dos douscentos casos. Hai 209. No resto de concellos os descensos empezan a ser continuados: hoxe rexístranse menos casos activos en seis concellos, ademais de Xinzo, mentres Os Blancos e Sarreaus están igual que onte.
Só sobe a incidencia a respecto do martes en Vilar de Santos. Alí hai 24 casos activos. O pico no que vai de sexta onda. En calquera caso, apenas son dous máis que os anotados hai unha semana.
O SERGAS informa que se seguen a detectar contaxios nos test que se están a realizar en distintas localidades da provincia. Onte rexistráronse 98 positivos nos cribados, un 13% das probas. Para esta tarde está previsto outro cribado, o oitavo, en Xinzo. O luns acudiron menos de 40 persoas.
Así están os rexistros
BALTAR (variación -3) 10 (activos)
OS BLANCOS (=) 12
CALVOS DE RANDÍN (-1) 13
PORQUEIRA (-2) 19
RAIRIZ DE VEIGA (-1) 11
SANDIÁS (-3) 30
SARREAUS (=) 19
TRASMIRAS (-3) 7
VILAR DE BARRIO (-4) 12
VILAR DE SANTOS (+3) 24
XINZO DE LIMIA (-8) 209