A residencia de maiores de Porqueira contou este xoves coa súa primeira xornada de confraternización, na que participaron os usuarios, as súas familias e tamén o persoal do centro. "A xente quedou moi contenta", destaca a directora, Raquel Martínez, sobre esta actividades festiva que reuniu a case 100 persoas. A alcaldesa, Susana Vázquez, foi unha delas.
Este centro, dependente do Concello, abriu as súas portas no 2019 e este tipo de actividades non foron posibles antes por culpa da pandemia. Agora, lonxe desa complicada situación sanitaria, a dirección do centro decidiu organizar esta xornada que tiñan pendente. "Despois da pandemia era moi necesario xuntarnos todos outra vez e pensamos que o verán é a mellor época, porque hai moitos familiares que veñen de fóra", explica a directora.
Os asistentes desfrutaron coa música dos gaiteiros da localidade e tamén coa merenda que se preparou para a ocasión. Ademais, co obxectivo de facer a tarde máis divertida, houbo unha tómbola na que participaron todos. "Pasamos unha tarde diferente e foi moi bo para os usuarios", afirma Martínez. Neste centro contan con 24 residentes e en breve entrará en funcionamento a súa ampliación, polo que contarán con 18 prazas máis.
Estas actividade é un engadido para os residentes, xa que no seu día a día forman partes de obradoiros de estimulación cognitiva, de memoria e ata de cociña, aos que se lles suman sesións xerontoximnasia coa fisioterapeuta. Pese a iso, Martínez recoñece que "é importante facer cousas diferentes para que non todos os días sexan iguais".
A intención dende a dirección do centro é repetir esta xornada noutras ocasións, escollendo unha data no verán para facela. Este é a única festa que comparten cos seus familiares, xa que os usuarios, antes da pandemia, desfrutaron de festas como o magosto que organiza o Concello ou o entroido. A crise sanitaria paralizou todo fóra do centro e este ano recuperaron a normalidade.