As "Raíñas Magas" de Sarreaus prepararon todo para que nada fallase nesta tarde, na que cativos e maiores recibiron unha especial e particular visita. As mulleres da Escola de Saúde Rural da Limia traballaron para que as súas Maxestades trouxesen consigo mensaxes de paz, amor e ilusión, pero tamén de experiencia, traballo e forza na localidade limiá.
As mulleres estiveron moi presentes en Sarreaus para asegurar, con esperanza, que un mundo entre iguais é posible, independentemente da raza, ideoloxía ou sexo. As "Magas" erixíronse esta tarde en Sarreaus como mostra do que moitas mulleres fan ao longo do ano para fortalecer o tecido social do rural.
En Sarreaus fan traballo comunitario durante todo o año e, nestas datas, quixeron dedicarlle especial atención a traer ilusión ao pobo. Esta tarde uniron a nenos e maiores para contaxiarlles a alegría e tamén para compartir tempo con todos eles, agardando que os cativos constrúan recordos xunto aos coñecementos e a experiencia dos avós, os máis sabios.
O percorrido das "Raíñas Magas" rematou no Tele-Club de Sarreaus, onde falaron cos nenos e recibiron o seu agarimo que premiaron con agasallos. Ao longo do camiño, foron parando para entregar caramelos entre a veciñanza e, para rematar, non faltaron unhas boas rosquillas para festexar este día.