A pesares da choiva, máis de 400 persoas achegábanse onte ata a Praza de Oriente a celebrar o Magosto organizado polo Concello de Xinzo de Limia para a veciñanza.
Música e comida para celebrar un magosto no que se repartiron máis de 160kg de castañas, 400 chourizos e bica para todas as persoas que na tarde do domingo asistiron á carpa instalada.
Mentres, en Parada de Outeiro, no concello de Vilar de Santos, a celebración xa levaba unhas cantas horas. Alí decidiron convocar á veciñanza de mañá. Dende o mediodía, a actividade comezou no campo de fútbol para preparar as longas mesas nas que se celebrou unha grande comida popular.
Logo, prendeuse o lume para preparar as brasas; nas enormes grellas asáronse chourizos e churrasco sen parar, mentres, a grande tixola asaba as castañas. Tampouco faltou a empanada no menú e a música para amenizar a xornada.