Esta fin de semana tivo unhas xornadas de moita troula coa noite de San Xoán. A veciñanza do barrio do Polígono en Xinzo desfrutou desta festividade cunha variada programación con música a cargo da e Escola de Música da Limia e da Agrupación Musical da Limia, pero tamén co Trío X-Tra.
O mellor desta festividade foi a cea popular que reuniu a veciños, amigos e coñecidos para comer o produto estrela da noite de San Xoán, as sardiñas. Tampouco faltou o churrasco para acompañar e, para rematar, prendeuse unha gran fogueira.
Non moi lonxe, concretamente en Vilar de Santos, celebrouse a I Romaría de San Xoán de Saa. Esta aldea abandonada, que se está a recuperar, encheuse de vida para festexar unha máxica noite. A veciñanza reuniuse para cear, facendo un éxito desta iniciativa que quere recuperar a festividade no concello.