A gaita soou no Salón de Plenos do Concello de Xinzo para recibir a un novo Fillo Predilecto da vila. O historiador e cronista Edelmiro Martínez Cerredelo "Miro" xa ten esta distinción de honra, que lle foi entregada de mans da alcaldesa, Elvira Lama. Ramiro Rodríguez, concelleiro de Cultura, asegurou que neste día "pagouse unha débeda" con Martínez Cerradelo por todo o labor que ten feito, ao deixar por escrito parte da historia de Xinzo.
"Miro" Martínez Cerredelo recolleu a medalla e o documento que o acredita como Fillo Predilecto de Xinzo e acordouse unha vez máis da súa dona, María, no discurso de agradecemento. O historiador e cronista lembrou o que o empurrou a escribir os seus libros, unha vez que se retirou. A fotografía, o sendeirismo ou o voluntariado en Cáritas, foron algunhas actividades ás que se adicou ata que se adentrou no mundo da investigación, despois de pasar polo Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
A partir de aí quixo coñecer a historia de Xinzo e rematou por plasmalo nunha serie de libros, para que a veciñanza e as xeracións que están por vir saiban de onde veñen. "Creo que a miña xubilación foi un tempo ben aproveitado", apuntou. Emocionado, recordou a ausencia da súa filla e agradeceu o apoio que sempre tivo da súa familia e achegados para que puidese investigar e publicar os seus libros.
Aos veciños de Xinzo tamén lles deu as grazas por recibir con agarimo cada un dos seus libros, pero tamén a todos os que colaboraron para que fosen unha realidade como o CDR O Viso. O discurso rematouno desexando que alguén continúe co seu labor de coñecemento sobre a historia de Xinzo, "porque hai moito por investigar".
A rexedora resaltou que os libros de "Miro" Martínez Cerredelo son unha "homenaxe á memoria colectiva" da vila. Lama calificouno como o "custodio do noso pasado" e por iso quixeron recoñecer dende o Concello todos os seus esforzos ao longo dos anos.