Esta mañá, Xinzo celebrou o Día das Letras Galega coa entrega dos premios do concurso literario infantil e xuvenil de narrativa curta Carlos Casares, no que se recoñeceu a máis dunha decena de traballos feitos por alumnos de Infantil, Primaria e da ESO. Tamén se premiou aos gañadores do certame de debuxo da Fundación Carlos Casares para rendir homenaxe ao Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedicou o día nesta ocasión.
Navea Gil, os alumnos de 4º de Infantil do CEIP Carlos Casares, María Sotelo, Xiana Dinís, Álvaro Méndez, Antón Rodríguez, Enma Rodríguez, Leo Rodríguez, Carla Simón, Javier Devesa, Noa Rodríguez, Iria Ramos e Shaila Franco foron os estudantes premiados en seis categoría diferentes do certame organizado polo Concello. Todos eles recibiron vales para mercar material escolar nas librarías de Xinzo como premio.
Os encargados de entregar os premios aos cativos foron a alcaldesa, Elvira Lama; os concecelleiros Ramiro Rodríguez, José Alberto Martínez, Amador Díaz e Ricardo Sieiro; o portavoz do PP e candidato á alcladía, Antonio Fernández; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; e o escritor Rafael Laso. Posteriormente á entrega destes premios, presentouse a edición en ucraíno da publicación "A Galiña Azul", famosa obra do autor limiao Carlos Casares.
Mañá, os actos polo 17 de maio continuarán coa exposición ao público do libro “Diagnóstico poético. Os versos que levas dentro”, da poetisa, escritora e mestra Rochi Nóvoa. Será ás 20:00 horas no Auditorio de Xinzo. O escritor e profesor limiao Cándido Paniagua será o encargado de presentar a obra e o acto contará coa actuación musical do Coro Aimil.