Unha das bandas máis lonxevas, icónicas e influentes do rock do último medio século presenta este sábado no Super Bock Arena do Porto, a dúas horas en coche de Xinzo de Limia, o seu primeiro traballo discográfico desde o 2003. Baixo o título de The Zealot Gene, o grupo de Ian Anderson regresa aos escenarios cunhas letras inspiradas en relatos bíblicos.
A banda, que na actualidade está formada por Ian Anderson (voces, frauta, guitarra acústica e harmónica), David Goodier (baixo), John O'Hara (teclados e acordeón), Scott Hammond (batería) e Joe Parrish (guitarra), volve a Portugal vinte anos despois do seu último concerto no Pavilhão Atlântico de Lisboa.
As entradas para o concerto están dispoñíbeis na plataforma Ticketline: facendo clic aquí. Os prezos, entre 40 e 50 euros. O comezo da actuación está previsto para as 21:30 horas (hora portuguesa).
Jethro Tull, con máis de 50 anos de carreira, tocou todos os paus da música popular destas últimas décadas (desde o blues até o jazz, pasando polo folk, o heavy e mesmo a música clásica, até derivar no que se coñece como rock progresivo ou rock sinfónico.
Nos anos setenta, a banda de Ian Anderson alcanzou a súa maior popularidade, e creou dous discos sobresaíntes: Aqualung e Thick as a Brick, que acabaron por converter a Jethro Tull nun grupo de culto.