jueves. 21.11.2024

“Como continuación al escrito de 16 de noviembre de 2021, se comunica que esta institución ha dirigido un nuevo requerimiento a la Consejería de Medio Rural al objeto de que envíe la información solicitada y relativa al asunto que planteó en su queja”, di unha carta remitida polo Defensor del Pueblo, asinada por Ángel Gabilondo, o titular, ao Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) que hai máis dun ano alertou á institución estatal do incumprimento por parte da Administración autonómica de medidas anunciadas publicamente para combater o problema da contaminación das augas da Limia. 

A petición inclúe unha advertencia seria á Consellería. “La ausencia de respuesta (...) sería expresiva de una falta de colaboración de la Administración para cumplir con el deber legal impuesto (...). En tal caso se incluiría una referencia en el informe correspondiente a las Cortes Generales y podría declararse la actitud hostil y entorpecedora de la Administración”, di o escrito de Gabilondo. 

O ton da comunicación desde a oficina do Defensor del Pueblo en Madrid inscríbese no contexto da disputa política por ver quen, se o Goberno do Estado (PSOE) ou o Goberno da Xunta (PP), terá que asumir diante da opinión pública a responsabilidade da declaración (inminente, e esixida desde as institucións comunitarias) da comarca da Limia como zona de augas vulnerábeis á contaminación por nitratos.

Esta declaración dará paso a unha serie de medidas restritivas tanto para as prácticas agrícolas como gandeiras na comarca, e non só no que se refire á xestión dos subprodutos da actividade da gandaría intensiva. A declaración está a caer, e nin o PP nin o PSOE queren ser retratados como o primeiro que deu o paso. Desde o movemento ecoloxista, un actor máis, o que se reclama é que as Administracións públicas actúen coas medidas anunciadas na Mesa da Limia e que fan parte do Plan Estratéxico da Limia, xa elaborado e gardado nun caixón na Consellería de Medio Rural.

“Esta é unha demanda de hai tempo, que se vén renovando e actualizando”, di Manuel García, do MEL, un dos impulsores da queixa diante do Defensor. “O único que pedimos é que Medio Rural e Medio Ambiente expliquen cales son os seus plans e o atraso en poñer en marcha medidas imprescindíbeis e que foron anunciadas tanto no Parlamento galego como na Mesa da Limia: a planta de tratamento, a limitación da carga gandeira, o control por GPS dos camións que distribúen os xurros, a implantación do código de boas prácticas”.

Non foi a única queixa que os ecoloxistas elevaron ao Defensor. Tamén solicitaron que a institución reclamase información da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) sobre o proceso de declaración das augas da Limia como augas afectadas por contaminación, o primeiro paso antes da declaración da zona vulnerábel. “Nese caso si houbo resposta por parte da CHMS, pero os trámite aínda seguen demorándose”, lamenta García. 

A carta do Defensor dá conta dunha nova petición por parte do Estado a Medio Rural pola falta de resposta á petición de novembro pasado, un documento do día 16 daquel mes, asinado por Francisco Fernández Marugán, dous días antes de ser relevado no cargo de Defensor polo actual, Ángel Gabilondo.

MEL. Defensor del Pueblo. Queixa por contaminación. Mesa da Limia. xurros. granxas (3)
Cartas do Defensor del Pueblo ao MEL de novembro de 2021 e do pasado marzo.

A petición de novembro interpelaba á Administración da Xunta ao respecto de cuestións concretas que non foran contestadas desde a primeira petición en abril de 2021: se ía “instar” á Administración central para que declarase como zona vulnerábel as masas de augas contaminadas por nitrato, “como pudiera ser el caso de A Limia”; se fora aprobado o proxecto para a planta de tratamento de residuos; se se estaba traballando na declaración dunha moratoria á novas explotacións gandeiras; e se xa estaba feito o Plan Estratéxico da Limia e se tiña pedido a colaboración doutras Administracións.

“O que demostra esta demora de resposta por parte de Medio Rural é a falta de transparencia da Administración pública galega”, opina Manuel García, e sinala que a estratexia que segue agora a consellería “é reunirse individualmente con actores afectados e ofrecer solucións parciais, como o caso dos investimentos anunciados no regadío”. Nestes últimos meses, o conselleiro, José González, mantivo tamén encontros con alcaldes da Limia en Ourense, e tivo que responder a varias interpelacións do BNG no Parlamento. Non aclarou prazos nin medidas inmediatas. 

Mini Rivas. Vilar de Santos. BNG. contaminación
Xosé Luís Rivas, segundo pola dereita, o venres en Vilar de Santos. | FOTO: DdLi

Desde o BNG, o deputado Xosé Luís Rivas, que o venres pasado participou nunha reunión con produtores en Vilar de Santos, insisten en que a consellería non ten máis que tomar a diagnose elaborada na Mesa da Limia e aplicar as medidas correspondentes do Plan Estratéxico da Limia que está feito desde finais do ano pasado. 

NOTICIAS A LIMIA | O Defensor del Pueblo túrralle das orellas a Medio Rural