jueves. 21.11.2024

A proposición non de lei debatida hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento galego a iniciativa do PP para reclamar do Goberno da Xunta un impulso ao Plan Estratéxico para o sector agrario da comarca da Limia (PEL) apenas aclarou as cousas a respecto das medidas que contén o plan (30, segundo o voceiro do PP, en 6 “eixos”), cando se vai a poñer en marcha e cando se vai a divulgar entre os afectados: o sector primario da comarca limiá.

O portavoz do PP foi José Antonio Armada, case 13 anos alcalde de Bande antes de alcanzar a acta de deputado por Ourense. Armada relatou unha serie de plans e medidas que o Goberno da Xunta ten en marcha e que benefician á comarca da Limia. Despois avanzou que o PEL incluirá análises teóricas da cantidade de nitratos que debe ter o solo na Limia; alentará un incremento da superficie agraria útil para mobilizar terras (incluíndo as de man común) para cultivar cereais; e a reconversión de parte do sector á produción en ecolóxico, co horizonte 2030 no que a Unión Europea aspira a que o 25% das terras se traballen en ecolóxico.

Na actualidade, informou Armada, en Galicia hai 675 hectáreas con certificación ecolóxica e o 90% desa superficie ten que ver coa produción de carne de bovino.

Mais o groso da proposición non de lei do PP (4 dos 5 puntos) ía dirixido a urxir ao Goberno central (PSOE-Podemos) que axilice determinadas intervencións. Iso provocou a queixa do representante do PSdeG-PSOE, Martín Seco, quen dixo que “o que urxe é que o Goberno galego saia do seu letargo”; e a retranca do portavoz do BNG, Xosé Luís Rivas, que aconsellou a Armada que incluísen un punto pedindo “que o Goberno central se faga cargo da xestión da Consellería de Medio Rural”.

Mentres Martín Seco entrou na guerra de cifras a ver quen, se o PSOE desde Madrid ou o PP desde Compostela, apoiaba con máis cartos á Limia, e volveu repetir que desde Madrid chegarán 28 millóns e só 4 desde Compostela, para atender as demandas dos regantes da Alta Limia; o portavoz nacionalista intentou centrar o debate no PEL.

Comisión de Agricultura. Mini, Martín Seco, Armada. PEL. gandaría. agricultura (5)
José Antonio Armada, do PP, na Comisión de Agricultura esta mañá.

“É un plan fantasma. Non se sabe nada del. E vostede hoxe tampouco aclarou nada. Foi presentado? Saben na Limia algo do que contén?”, dixo Rivas, quen criticou ao PP por botar “balóns fóra” e dedicarse á propaganda “porque non teñen políticas e de agricultura non entenden”

José Antonio Armada respondeu que el vive no rural, que coñece o rural e que están presentes no rural, e tamén na Limia, “e falamos o idioma do rural”. “Hai sitios onde están, pero non mandan, gobernan outros”, dixo o parlamentario nacionalista.

Comisión de Agricultura. Mini, Martín Seco, Armada. PEL. gandaría. agricultura (1)
Xosé Luís Rivas, portavoz do BNG na Comisión.

O debate xirou cara ese lado e na réplica o representante do PP eludiu confrontar directamente coa oposición sobre o PEL. Foi un amago de debate sobre o PEL... sen o PEL. “Por que non prepararon á xente para o golpe que vén coa declaración de zona vulnerábel? Quen vai pandar coas consecuencias da ineptitude do seu goberno? Porque vostedes saben que vai haber que reducir si ou si a cabana gandeira... E o desprestixio hano pagar a comarca e os produtores, cando a culpa é da inacción da Xunta”, atacou Xosé Luís Rivas.

Mentres, Martín Seco volvía anunciar que o Mapa de contaminación por nitratos, que depende do Goberno central, “vai saír este ano” e acusaba á Xunta de non ter feito nada para reducir esa contaminación, sendo unha das comunidades do Estado con máis contaminación de augas derivada dos residuos gandeiros. “Hai 41 puntos eutróficos identificados no informe do Ministerio de Transición Ecológica dos anos 2016 a 2019”, informou Seco.

Comisión de Agricultura. Mini, Martín Seco, Armada. PEL. gandaría. agricultura (3)
Martín Seco, voceiro socialista, na Comisión este mércores.

E tamén avanzou que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa outorgou unha concesión a regantes da Limia, e están pendentes outras tres “para finais de mes”. E acabou recriminando ao PP que non axude ao regantes co investimento necesario para facer os proxectos de mellora ou asumindo o IVE, “tal como están a facer outros gobernos autonómicos”.

Ao fin, o PEL apenas asomou a cabeza no Parlamento. Entrou pola porta de atrás e saíu, rápido, polo mesmo sitio, á espera de mellor ocasión. Mentres, na Limia o sector primario segue sen resposta á súa táboa de demandas de hai tres semanas. O PEL, e esta primeira incursión no Parlamento do plan, parecía unha oportunidade. Foi outra oportunidade perdida. 

 

NOTICIAS A LIMIA | O PEL, apenas insinuado, segue sendo unha incógnita