As catro comunidades de regantes que se verán beneficiadas pola construción do regadío -San Salvador de Porqueira, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia- deberán fusionarse nunha soa entidade por esixencias do financiamento estatal a cargo da Sociedad Estatal de Infraestructuras Agrarias (SEIASA), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.
Ese foi o primeiro anuncio que realizou o conselleiro de Medio Rural, José González, nunha reunión esta mañá na Casa da Cultura de Xinzo na que participaron máis de douscentos propietarios e produtores das parroquias afectadas.
José González anunciou ademais que o seu departamento efectuou unha estimación do custe que terá para cada propietario das parcelas a instalación do regadío. Será un máximo de 3.000 euros por hectárea, que se corresponde ao 20% do custe total da infraestrutura, que inclúe as canalizacións e 42 pozos para 2.500 hectáreas e que se eleva por riba dos 23 millóns de euros.
González dixo que é “vontade da Xunta e, tamén, da SEIASA” ampliar o número de hectáreas até as 4.000 que están na zona de regadío. E sostivo que xa “encargou” ao redactor do proxecto que tivese en conta a totalidade das hectáreas no deseño. O conselleiro animou aos propietarios que aínda non se inscribiron no plan a que o fagan.
“É rendíbel, e haberá xente que queira alugar e traballar esas parcelas, porque 4.000 hectáreas de regadío son un luxo hoxe en día en España”, manifestou o conselleiro. “Ou nos collemos a este carro, ou non vai haber regadío na Limia”, apoiou Amador Díaz, presidente dunha das comunidades de regantes e concelleiro de Medio Rural en Xinzo.
José González insistiu en que os límites ao financiamento público establéceos a SEIASA, e son do 80% do total, mais a cantidade estima por hectárea que terían que achegar os regantes (eses 3.000 euros, para pagar entre outras cousas o proxecto) podería reducirse se se anotan ao plan máis propietarios e se van completando as 4.000 que poden entrar.
Unha das comunidades, a de Corno do Monte, avanzou esta mañá que xa ten peticións de propietarios dunhas 300 hectáreas máis. Esta comunidade xa incorporou ao plan case 700 hectáreas entre os 37 propietarios que a compoñen.
Outra das vías para rebaixar o gasto dos regantes está pendente dunha negociación entre o Estado e a Xunta sobre o IVE asociado á obra (3,6 millóns de euros). A Xunta, asegurou o conselleiro, quere que ese IVE se poida deducir.
Unha das comunidades, a de Corno do Monte, avanzou esta mañá que xa ten peticións de propietarios dunhas 300 hectáreas máis.
Entre os regantes expresáronse dúbidas sobre a rendabilidade do gasto que lles corresponde e tamén sobre a xestión pública dos 20 millóns de euros que se anuncian como investimento (“o problema son os cartos que non chegan aquí e van quedando polos lados, porque con eses millóns nós non deberiamos ter que pagar nada”, dixo unha regante).
José González insistiu. “É unha gran oportunidade, e mesmo a Xunta negociou cunha entidade financeira privada unha liña de créditos nunhas condicións moi vantaxosas, a 25 anos e con carencia de tres”.
Tamén falou o técnico que se está encargando de redactar o proxecto. Dixo que os 42 pozos previstos teñen un caudal asinado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e que haberá que pedir que se incremente ese caudal. Amador Díaz pediulle que subliñase que os 42 pozos xa foron pensados para dar servizo ás 4.000 hectáreas.
Díaz respondeu tamén, como concelleiro en Xinzo, á suxestión dun dos regantes de manter o encoro de Gudín no río Faramontaos para dar servizo. “Iso xa non entra neste plan, ademais de que o encoro está en mal estado e houbo que iniciar o expediente para derrubalo”, explicou.
O conselleiro comprometeuse pola súa parte a que o seu departamento realizará un estudo sobre a distribución da propiedade nas comunidades de regantes.
Nunhas semanas poderíanse iniciar os traballos nos primeiros pozos para os que xa deu o permiso a CHMS, que será, como a SEIASA, un actor decisivo na posta en marcha do plan. Ambas entidades estiveron ausentes hoxe.