jueves. 21.11.2024

A gran familia da Asociación Baloncesto Xinzo son este ano 150 nenas e nenos; son doce equipos en competición e outro, o sénior feminino, preparándose con vistas á súa estrea; son máis de vinte horas de adestramentos á semana no pavillón, son partidos e viaxes sábados e domingos, son Luis Miguel Gil, Gabi Mandianes e Miguel Ángel López, tres da directiva, adestradores, educadores; son moitos máis, tamén nais e pais. É unha familia moza, naceu no 2006, o ano que a selección dos Gasol, Navarro e compañía volveu espertar o gusto polo baloncesto. É unha familia que resume nun lema: traballo, humildade e paixón, o espírito de canteira.


“Somos competitivos en canto o árbitro lanza o balón ao aire”, di Luis Miguel Gil, fundador e presidente, ex concelleiro de deportes, un home que dedica a semana enteira ao baloncesto, os ombreiros nos que descansa a gran familia. “Somos competitivos co que temos. Somos un club. Somos canteira”, insiste. E lembra que o equipo sénior masculino xogou este ano con 13 mozos formados no club.


A gran familia xoga este domingo unha final. Os júnior masculinos que adestra Gabi Mandianes, xogador do primeiro equipo e formado tamén aquí, recibe no pavillón de Xinzo ao Campus Blanco Amor de Ourense (19:00 horas). “Non somos un equipo que pon por riba de todo o resultado, esa non é a filosofía. Queremos formar xogadores, equipo e club”, asegura Mandianes, que se mancou esta semana no traballo, o luns, xusto ao día seguinte de que os júnior venceran nun partido moi duro aos de Monforte. Esa mañá demostraron o valor de xogar en equipo. 


Onte era día de adestramento do equipo que se preparara para a final. Antes, o pavillón dividiuse en tres pistas para os ensaios doutras categorías menores. Nunha pista, xogadores do júnior dirixían un dos equipos; noutra, adestraban rapazas, unha delas, a filla de Manuel. Manuel estaba na terceira, cos máis cativos, substituíndo a Luis, o adestrador, que como presidente dedicou uns minutos a atender ao Diario do Limia. 


“Fun árbitro de fútbol, xoguei ao baloncesto, fun directivo do Antela, son pai de xogador... digamos que cando cheguei a concelleiro, xa tocara todos os paus e coñezo o deporte desde moitas perspectivas”, conta. Con esa bagaxe Luis axudou a consolidar unha estrutura de clubs e disciplinas que converten a Xinzo “na vila da provincia con maior oferta”. E repasa: atletismo, fútbol, fútbol sala, ximnasia, karate, tenis, pádel, natación...


Rematan as pequenas e os pequenos e perden uns minutos na grada. Luis Miguel chama a todos para a foto. Coloca á familia, unha parte dela. Os júnior no centro, de pé. Os demais canda eles. “Arroupámonos uns aos outros. Dentro e fóra da pista. Estamos pendentes do que lle pasa a cada rapaz, como vai nos estudos, como van as cousas na casa. O deporte en xeral, e o baloncesto en particular, demostrou con isto da pandemia ser un espazo seguro”, di.

AB Xinzo. Basket. Baloncesto. Deportes (2)
Xogadoras e xogadores da AB Xinzo, onte no pavillón.

A pandemia tivo á AB Xinzo un ano sen competir. Adestraron igual. Tamén obrigou a suspender un torneo de equipos das vilas, que este ano volverá a celebrarse e alcanzará a décima edición. Haberá tamén unha xornada para os máis cativos, os do baby-básket, nenas e nenos de seis e sete anos, unha aposta na que Xinzo foi pioneira. E o domingo, as rapazas do cadete e as de mini xogan partidos camiño doutra final. 


“Aquí non deixamos a ninguén fóra. Se é preciso, facemos un equipo máis. Os rapaces evolucionan e levas moitas sorpresas”, di Gabi. Na base está o éxito, canto máis ancha, mellor. “O deporte está dividido entre o fútbol e o resto. Así que aos que non somos fútbol, tócanos innovar continuamente para atraer ás nenas e aos nenos”, resume Luis Miguel.


O domingo hai festa do baloncesto en Xinzo. Unha máis. A gran familia sempre dá unha alegría. En apenas 16 anos, Xinzo converteuse nunha referencia do traballo, a humildade e paixón polo básket. E seguirá medrando, porque cada vez que o árbitro lanza o balón ao aire o máis importante esta feito. 

BÁSKET A LIMIA | A gran familia xoga unha final