jueves. 21.11.2024

Luis Miguel Gil, presidente do AB Xinzo, avanzou onte nunha entrevista co Diario do Limia que o club comezará a próxima tempada cun equipo en competición na Liga sénior feminina, e tamén ten a intención de conformar un equipo de veteranos (até hoxe sen cabida nas competicións federativas) co que empezar a disputar amistosos contra equipos doutras vilas.

A respecto do sénior feminino, Gil explicou que o AB Xinzo xa federou oito xogadoras esta tempada, para que empezasen os adestramentos. De cara á próxima tempada esperan ampliar o cadro de xogadoras con incorporacións procedentes do equipo júnior. “Até setembro non pecharemos o equipo, tamén está por decidir quen será o adestrador ou adestradora”, sinalou Gil.

O que si xa coñece o club é que terá que disputar parte da Liga contra equipos da delegación de Vigo. En Ourense, despois da desaparición do Pabellón, o baloncesto feminino na categoría sénior conta apenas con catro equipos.

Polo que respecta ao equipo de veteranos, sen competición federada e nin sequera unha normativa que estableza o rango de idades, Gil sinala que a intención do AB Xinzo é ir creando un grupo de veteranos, agora conta con máis de vinte ex xogadores interesados, que poidan dar lugar a un equipo, e animar así á Federación Galega a que considere a posibilidade de formar unha Liga. 

“No fútbol provincial hai catro Ligas de veteranos. Obviamente, non aspiramos a tanto. Pero vemos a necesidade, e xa temos a experiencia de promover unha competición que non existía como foi o caso do baby-básket”, lembra Gil.

FESTA E CAMPUS
Mañá venres, a partir das 20:30 horas no Pavillón de Deportes de Xinzo terá lugar a festa de fin de tempada do AB Xinzo. “Foi un ano complicado pola pandemia. Nin puidemos facer as fotos oficiais de todos os equipos, así que farémolas mañá”, comenta o presidente. E ademais subliña que xa está aberta a inscrición para o campus que organiza o club na seguinte semana, entre o 27 de xuño e o 1 de xullo. O campus acolle xogadores nados entre os anos 2008 e 2016, en horario de 10:30 a 13:30 e con prezos de 25 euros (xogadores do club) e 35 euros (para os de fóra de Xinzo).

DEPORTES A LIMIA | Un equipo sénior feminino e o veterano masculino completarán a...