Hoxe celébranse 15 anos dende a data de formación da Asociación de Baloncesto de Xinzo de Limia, un equipo deportivo de aficionados da Limia que continúa aínda con moitas ganas e forzas para seguir ensinando a tódolos apaixoados do baloncesto.
A fundación da agrupación realizouse no 2006, a mans de Luis Miguel Gil -antigo concelleiro de Deportes de Xinzo na etapa do 2011 ao 2019- . Nese ano, él máis uns vellos amigos formaban parte dun equipo senior de xogadores de baloncesto no concello. O grupo anímase a participar na liga senior masculina, e é despois desa competición na que deciden iniciar un proxecto de impulso para rapaces e cativos que desexaran mellorar e aprender dentro dese tipo de deporte.
A entidade dá os seus primeiros pasos con dous equipos de traballo, a sección de mini basket e a de junior masculino. Un ano despois inclúen outra máis de junior, e suman as categorías de alevíns e benxamíns -ámbolos dous mixtos- . A partires desa época a compañía comeza a medrar, obtendo uns 10 ou 12 federados por tempada cunha media de 100 alumnos inscritos en cada unha.
Neste período 2021 - 2022, a asociación conta con 13 equipos de diferentes categorías, dos cales 12 competirán na Federación Galega de Baloncesto. Actualmente cóntanse unhas 150 persoas dentro da escola, incluíndo a alumnos e profesorado. A metade dos matriculados son mulleres, o que fai que sexa a primeira de todo Xinzo en ter máis grupos da categoría feminina.
A escola recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria. Xustamente o ano pasado o equipo senior masculino gañara a Copa da Deputación. Na tempada 2017 - 2018, a formación de alevíns femininos conseguira unha tripla vitoria quedando de primeira no campiona na Liga, na competición galega e na da Deputación.
A entidade é coñecida por ser precursora do baby basket en Galicia, formación adicada aos cativos de entre cinco e sete anos. Tamén destaca na creación e impulso de diversos torneos para nenos, coma o coñecido Vilas de Ourense, un evento de final de tempada no que se resaltan os partidos e formacións do rural, ademais de animar a competir e seguir apoiando ao baloncesto.
O equipo conformante da asociación foi variando ao longo do tempo. Na actualidade, a organización e a coordinación principal recae sobre tres membros, Luis Miguel Gil, ocupando o cargo de dirección, Miguel Ángel López, coma presidente, e Gabriel Mandianes coma tesoureiro.
Cabe recordar que seguen abertas as matrículas de determinadas categorías. En caso de estar interesado en inscribirse deberase contactar coa asociación a través de redes sociais ou chamando ao 630 32 85 28.