FÚTBOL A LIMIA | O Antela ata a Xabi e David Lamas
O futuro de Xabi Lamas, de continuar a progresión dos últimos meses, está en categorías superiores. Pero, de momento, o mediocampista limiao continuará un ano máis no Antela e debutará en Preferente para probarse nunha Liga máis esixente e dous pasos do profesionalismo. O Antela confirmou a continuidade do futbolista, así como a do seu irmán, David Lamas. Ambos completaron a etapa xuvenil e arrancarán a tempada no primeiro equipo.
Xabi Lamas estivo na axenda doutros clubs de Preferente, como recoñeceu o cadro técnico do Barbadás. O mediocampista destacou durante a última parte da tempada nos esixentes partidos da fase de ascenso, e mesmo anotou un dos dous goles decisivos na vitoria no campo do Vilariño (o outro foi obra do seu irmán). O número 5 do Antela foi titular nos oito partidos da fase de ascenso. Sabucedo recoñeceu nunha entrevista despois de terminar a Liga que Xabi Lamas foi o futbolista que máis o sorprendeu. A próxima tempada comezará a competición xa con galóns.
Outra renovación esperada era a de Pedro Castro, unha peza clave no esquema ofensivo de Óscar Sabucedo e que demostrou o seu compromiso co club xogando lesionado varios partidos na fase de ascenso. Con 28 anos, Pedro está no mellor momento da súa carreira deportiva e despois de tres anos no Antela (dúas Ligas completas, xa que a tempada 20/21 non se disputou) ten un papel relevante no equipo. Pedro reúne condición física e habilidades técnicas para destacar tamén na nova categoría.
Xunto a Pedro e os irmáns Lamas renovaron tamén Peque e Aarón Branco, outros dous futbolistas que rematan a súa etapa xuvenil. Adrián Campero, Peque, ocupou o lateral dereito como titular durante toda a fase de ascenso. Aarón, defensa, dispuxo de minutos diante do Monterrei e do Cartelle.
Coas baixas de Pisto, Pablo e Juan Forri, Samuel e Pancho, as renovacións de dez xogadores e a incorporación onte de Noel García o cadro de futbolistas do Antela está composto a día de hoxe por once xogadores. A respecto da última aliñación de Sabucedo esta tempada no partido de Copa diante do Barbadás, só restan por decidir o seu futuro o meta Suso, Borja Tazos e Sergi.
En calquera caso, a directiva avanza que se están a negociar novas incorporacións. O obxectivo do club seguen a ser futbolistas da Limia e das comarcas lindeiras con experiencia en Preferente.