O Antela xa coñece o calendario da Liga que comeza o próximo 11 de setembro e empeza a adaptar a preparación de pretempada ás circunstancias dos primeiros partidos de competición. Así, esta noite (21:00 horas) o segundo amistoso do verán, diante do Monterrei, terá como escenario o campo sintético José A. Fernández Carrera, na Moreira. O equipo de Óscar Sabucedo ensaiará sobre céspede artificial, superficie sobre a que terá que xogar na quinta xornada diante do Umia no campo da Bouza (9 de outubro) e na sétima co Atios no campo do Carballo (23 de outubro).
Nas vésperas do Esquecemento, e mentres algúns dos futbolistas máis novos participan na construción do campamento para celebrar a Festa esta fin de semana, o Antela vai acumulando adestramentos sen présas. A data adiantouse 24 horas para non coincidir co comezo da Festa. Despois do primeiro amigábel diante do Loñoá (5-0), a directiva móstrase confiada a respecto da calidade do cadro de xogadores.
A semana próxima será máis intensa: o equipo volverá a traballar o luns e o martes antes do terceiro amistoso, diante do Pabellón xuvenil, previsto para o mércores. O xoves haberá descanso e o venres adestramento antes do partido na Moreira diante da Unión Deportiva Ourense, o domingo 28, a gran proba da pretempada cun equipo de Terceira.
Para cada unha das dúas últimas semana da pretempada, o cadro técnico ten marcados catro días de traballo (incluíndo os encontros co Nogueira e co Maside). O primeiro partido de Liga celebrarase o domingo 11 na Moreira co Pontevedra B como rival. Despois o Antela visitará ao Ribadumia e pechará setembro recibindo á Cultural Areas.
O equipo B, que empezou o traballo hai unha semana, comeza a definir o calendario da pretempada á espera de que a Federación Galega resolva a distribucións dos tres grupos da Segunda ourensá. Os xogadores que dirixe Toncho disputarán o primeiro amistoso diante do Piñeira Seca (outro dos equipos limiaos na categoría xunto o Vilar de Barrio e o Sporting Sarreaus) o día 24 de agosto, e o segundo, contra o A Bola o día 26.
Por outra banda, este sábado, día 20 de agosto, terá lugar o partido de volta entre os veteranos do Antela e do Verín dentro dos actos do 50 aniversario da fundación de ambos equipos. O partido disputarase na Moreira ás 19:30 horas. Na ida, os verinense gañaron 5-4.