jueves. 21.11.2024

O Antela de Óscar Sabucedo disputará mañá domingo o gran test da pretempada diante da Unión Deportiva Ourense, equipo de Terceira Federación e club fundado no 2014 que continúa o legado do histórico Club Deportivo Ourense. O partido celebrarase na Moreira a partir das 19:30 horas, con entradas a 5 euros (socios, de balde) e porá en xogo o Trofeo Lagoa de Antela. Desde a eliminatoria de Copa que rematou aos penaltis contra o Barbadás (8 de xuño), non enfrontan os de Sabucedo un rival de tanta esixencia.

 
A Unión Deportiva Ourense regresa á Terceira (o seu teito até o momento) despois dunha tempada en Preferente, a pasada, na que acabou campión con 22 puntos de diferencia sobre o Barbadás, segundo, e sen perder partido ningún. Este verán empezou disputando un par de torneos triangulares en Chantada e Verín, empatou co Barco (1-1), goleou a domicilio ao Porriño (5-1) e perdeu esta semana no Couto diante do Compostela (1-2). 


Pola súa parte, o Antela de Óscar Sabucedo volveu adestrar onte, e con novidades en canto á selección que empeza a realizar o adestrador. Á mesma hora do adestramento do primeiro equipo na Moreira, o filial, o Antela Xinzo, disputaba o seu segundo partido no sintético Fernández Carrera contra o A Bola. Toncho e Carlos aliñaron a Aarón, Adrián, Anxo e David Lamas (todos sub’23) como titulares no filial, que gañou 3-0 (Adrián e Anxo anotaron dous dos goles). O equipo xuvenil do Antela estreouse onte cunha vitoria fronte ao Polígono (6-0).


Na Moreira, volveu aos adestramentos Xabi Lamas, que non se vestiu o mércores contra o Pabellón xuvenil por unha sobrecarga tras o partido da semana anterior diante do Monterrei. Contando cos catro que se aliñaron onte co filial, Sabucedo dispón nesta pretempada de 25 futbolistas, incluíndo o xuvenil Tiago Teixeira. Despois de golear ao Loñoá e ao Pabellón e empatar sen goles contra o Monterrei no sintético, a UD parece o rival indicado para que o Antela empece a mostrar un once titular e variantes tácticas para enfrontar rivais dominantes. 


Mañá na Moreira o programa será dobre, porque ás 17:30 horas o Antela Xinzo medirase ao Vilar de Barrio, no adianto dun dos derbis limiaos na Segunda galega. O seguinte rival dos de Toncho será o Piñeira Seca a próxima semana. 

FÚTBOL A LIMIA | Entradas a 5 euros o domingo para o Antela-Unión Deportiva Ourense