jueves. 21.11.2024

A alcaldesa Susana Vázquez (PP) está este xoves a pé de obra no Toxal, unha das aldeas do concello que primeiro sufriu as restricións de auga pola seca e unha das primeiras en recuperar o servizo grazas á perforación dun pozo en Sabucedo. En xullo Vázquez recorreu á Deputación Provincial para completar o financiamento do novo pozo co que abastecer núcleos da chaira como Filgueira e Toxal. Mais este último xoves de agosto as obras consisten na reparación de camiños e do asfaltado nas propias aldeas. 


“Estamos aproveitando o bo tempo para o mantemento grazas á brigada de obras da Deputación de Ourense. Este é un ano complicado pola cuestión da seca, mais non podemos atrasar estas obras até o inverno. Hanse arranxar camiños en varios núcleos, calculo que no 40% do total de núcleos do concello. Hoxe [por onte] toca traballos aquí, en Penín e no Toxal, non se se dará tempo a ir a Sabucedo”, explica Susana Vázquez a media mañá mentres varias máquinas e operarios reparan o firme no cruce á entrada do Toxal, onde a capela. 

“Estamos aproveitando o bo tempo para o mantemento grazas á brigada de obras da Deputación de Ourense. Este é un ano complicado pola cuestión da seca, mais non podemos atrasar estas obras até o inverno”, explica Susana Vázquez, a alcaldesa.


Vázquez reuniuse esta semana co presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, quen a finais de maio visitou Porqueira. “Baltar veu a San Lourenzo comprobar o resultado da primeira fase do Plan HURBE, e agora estamos coa segunda fase e fun tratar coa Deputación novas achegas. A Xunta financia o 70% do plan, pero os concellos teñen que poñer o resto, e ese 30% son demasiados cartos para un concello como o noso, así que a Deputación botará unha man”.

Reunion de Manuel Baltar coa alcaldesa de Porqueira (1) (FILEminimizer)
Susana Vázquez, con Xosé Manuel Baltar esta semana en Ourense, acompañada polo secretario do Concello de Porqueira, Daniel Nanín. | FOTO: Deputación Provincial.

Na reunión en Ourense tamén se tratou a cuestión da auga. A Deputación xa financiou a perforación de dous pozos (o de Sabucedo e o de San Mamede, ambos en xullo). Agora o Concello de Porqueira está acometendo unha obra no depósito de Fontemoura para garantir o servizo a esa poboación. Tamén está instalando tubaxes entre captacións para repartir a auga, e seguen chegando as cisternas. Onte mesmo, outra. “Pedín a Baltar axuda para estas pequenas obras que son imprescindíbeis nestes momentos”, di a alcaldesa. “A disposición é boa”. A actuación en Fontemoura custará por riba dos 40.000 euros, pon como exemplo Vázquez.


Mais o impacto das novas esixencias na xestión da auga, Susana Vázquez mantén outros plans de intervención. E este mes estase acondicionando a Ruta das Fervenzas do Río Fírbeda. “Levará uns 20.000 euros, hanse facer camiños alternativos, xa empezaron a reparar as cordas e outras actuacións de mantemento que poidan precisar os muíños”.  
 

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira remata camiños mentres segue coas obras para garantir a auga