jueves. 21.11.2024

Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira, compareceu en chándal no centro social de Paradela de Abeleda. É sábado e hai présa. A alcaldesa necesita compartir unha información importante coa veciñanza. Unhas trinta persoas, veciñas de Paradela e Reboreda, aldeas separadas por un quilómetro de chaira de parcelaria, sentan inquedas mentres Vázquez vai debullando a información acompañada por dous concelleiros.  


“Hai un proxecto para unha liña de alta tensión que vén dun polígono eólico en Calvos de Randín e entra en Porqueira polo comunal de Reboreda, baixa polos Chaos, onde hai mananciais, segue pola ponteciña, cruza a canle, vai cara O Carballo, pasa a pista asfaltada até a fonte na estrada e cruza o río cara a Bande”, explica a alcaldesa.


“Teño esta información porque alguén da consellería [de Industria] me advertiu. Miro o mapa e vexo que pasa esta liña por Porqueira e que ninguén falou connosco nin coas veciñas. Pero isto que é? É escurantismo, nocturnidade”, protesta.


“O mínimo, se queres instalar algo na propiedade doutros, é falar. Pero esta empresa, Greenalia, non o fixo. Mais todo está moi avanzado e resulta que isto vai saír a exposición pública o día 18 de maio e só teremos 15 días para presentar alegacións”, di antes de deixar clara a súa postura ao respecto. 


Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira, membro destacada do PP na Limia, está disposta a se opoñer ao plan de Greenalia. Asegura que contactou cun avogado e que o Concello de Porqueira vai presentar alegación e poñer a disposición das veciñas esas alegacións e medios para que se poidan opoñer tamén. 

“O mínimo, se queres instalar algo na propiedade doutros, é falar. Pero esta empresa, Greenalia, non o fixo. Mais todo está moi avanzado e resulta que isto vai saír a exposición pública o día 18 de maio e só teremos 15 días para presentar alegacións” (Susana Vázquez)


Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira, membro destacada do PP na Limia, está a facer este sábado o que non fixo ningún dos alcaldes dos concellos afectados por un mega-polígono eólico que empeza a se debuxar neste tramo das aldeas de Porqueira que baixan do monte até a veiga de Ponteliñares. O que non fixeron aínda os alcaldes de Baltar (PP), dos Blancos (PP), de Calvos de Randín (PSOE), de Bande (PP), de Verea (BNG), de Celanova (independente): poñer á veciñanza sobre aviso e axudalos a entender o que se lles vén enriba.

Susana Vázquez oposición proxecto LAT Greenalia (1)
Susana Vázquez, e dúas concelleiras, co plano que elaborou o concello.

Dixo Vázquez: “Na miña opinión, o que poidan pagar non compensa o prexuízo que van ocasionar. Poden ir ás expropiacións, pero aínda nese momento podédevos opoñer, a terra segue sendo vosa. Nosa. É algo que nos pertence”.


E dixo máis: “Desde o Concello de Porqueira imos alegar porque no proxecto que presentan toman como referencia as parcelas anteriores á parcelaria. Nin son as mesmas fincas nin os mesmos propietarios. E, ademais, imos alegar que aquí se temos un plan de urbanismo, que eles din que non. E témolo en trámite na Xunta e onde eles din que é solo rústico, o noso plan di que é solo rústico forestal e está protexido”.


Vázquez despacha a explicación en 20 minutos. Mostra o plano errado do proxecto de Greenalia e un plano, “o real”, elaborado no propio Concello, do que son as fincas afectadas. E despois le a lista de propietarios afectados, segundo Greenalia, que xa non son os propietarios porque houbo unha parcelaria que a compañía ignorou. 

Susana Vázquez oposición proxecto LAT Greenalia (3)
Vázquez denunciou "o escurantismo e a nocturnidade" na tramitación do proxecto.


O trazado contra o que alegará Vázquez e moita da xente de Paradela e Reboreda reunida esta tarde no centro social é o que pretende unir os polígonos eólicos de Feás (Calvos de Randín) e de Bande. Os dous son de Greenalia. E os dous fan parte dun plan máis amplo que leva case un ano denunciando a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova.


Tamén Vázquez fixo algo que non fixera até hoxe ningunha alcaldesa nin os alcaldes: convidar á plataforma que alerta desde plan que vai unir todos os eólicos desde o Larouco até Celanova, e os que veñan, nunha liña de máis de cincuenta quilómetros que atravesará o Salas, o Limia e o Arnoia até chegar á Frieira (Padrenda) no Miño.


Stop Eólicos Xurés Celanova, por boca dun dos seus representantes, dixo que nos próximos días comezarán a circular por toda esta parte da Limia alegacións contra o polígono de 7 aeroxeradores en Feás e que para que non haxa liña de alta tensión hai que parar ese polígono... e os outros. 

“Na miña opinión, o que poidan pagar non compensa o prexuízo que van ocasionar. Poden ir ás expropiacións, pero aínda nese momento podédevos opoñer, a terra segue sendo vosa. Nosa. É algo que nos pertence” (Susana Vázquez)

Susana Vázquez recolleu o modelo de alegacións ao polígono de Feás que lle entregou a plataforma. En Feás hai oposición a esa infraestrutura. A veciñanza comezou a organizarse e hoxe apareceron as pancartas en Calvos. Unha acabou pendurada na mesma porta da Casa do Concello. Como hai tres meses en Baltar, algunhas pequenas aldeas da Limia están dicindo non aos eólicos.


Como hai tres meses en Baltar, onde apareceu Elvira Lama, a rexedora de Xinzo para dicir non á LAT do Larouco, agora outra muller, Susana Vázquez, de Porqueira, ponse á fronte do non que lanzan desde as súas parroquias.   

NOTICIAS A LIMIA | A alcaldesa de Porqueira oponse ao tendido eléctrico de Greenalia...