Veciñas e veciños de Porqueira gozaron onte na Casa do Concello, na Forxa, da ocasión de descubrir utilidades do teléfono móbil nunha sesión informativa impartida polo enxeñeiro Iván Luís Vázquez e que fai parte do programa de actividades da Mobile Week Ourense, que nesta edición a Deputación decidiu levar tamén a núcleos do rural.
“Levamos un ordenador no peto sen sabelo”, dixo Iván Luís Vázquez ao comezo da súa exposición. O enxeñeiro, que estivo acompañado pola alcaldesa, Susana Vázquez, e pola deputada provincial, Luz Porto, explicou ás asistentes como usar o teléfono para enviar unha localización ou como usar mapas e medir distancias. “Estamos desenvolvendo un programa de envellecemento con saúde e pensamos que esta tipo de actividades prácticas poden axudar en moitos sentidos”, di a alcaldesa.
Nas próximas semanas, en Porqueira teñen a intención de realizar un “escape room” adaptado a persoas maiores e unha ruta virtual polo Camiño de Santiago. Trátase dunha experiencia que desenvolveu Iván Luís Vázquez e da que deixou algún apuntamento onte. “Percorreremos sen saír de Porqueira o Camiño desde Roncesvalles”, advirte a alcaldesa. “É un programa piloto para que a xente poida camiñar mentres fai o Camiño de maneira virtual, e a través de dispositivos como pulseiras pode ir vendo a paisaxe do Camiño real”.
A programación do paseo está pendente das previsións meteorolóxicas para as semanas seguintes. A chuvia destes días, nun concello como o de Porqueira tan golpeado pola seca, “agradécese”, di Susana Vázquez. “Mais non alcanza. Na cuestión do abastecemento nin se notou”.