O Concello informa dunha nova subvención da Deputación de 17.000 euros para as aldeas da Corga e da Ladeira

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás investiu 240.000 euros en iluminación LED

Vehículo de obras en Sandiás para o cambio da iluminación pública. | FOTO: Concello de Samdiás.

Nun comunicado de prensa publicado esta tarde, o goberno municipal de Sandiás dá conta do investimento na renovación das luminarias “en practicamente todas as aldeas”, que ascende a 240.000 euros, cantidade a que agora se suma unha subvención da Deputación de 17.489 euros para ampliar a renovación ás aldeas da Corga e A Ladeira.

O comunicado informa de que son “preto de 700 puntos led” os que se levan instalados, e explica que “con esta nova tecnoloxía se adaptan de xeito progresivo as instalacións á normativa vixente e aos niveis de iluminación regulamentarios”, ademais de conseguir un “significativo aforro económico que se poderá destinar a outros proxectos sociais e de servizos do concello”.


O Concello de Sandiás engade que vén de recibir outra subvención da Deputación de 30.000 euros  como suplemento para levar a cabo o peche do Polideportivo. “A Deputación é unha das tres institucións que aportaba 80.000 euros. En total aportará 110.000 euros”.

A intervención para pechar o pavillón e ampliar a instalación cuns vestiarios e un ximnasio levará un orzamento de 350.000 euros, que financiarán a Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello e a Consellería de Educación (80.000 euros cada institución) e a Deputación de Ourense, que achegará en total 110.000 euros. 

Hai ademais outra subvención para a urbanización da rúa Soutopenedo en Vilariño das Poldras cun aporte de 48.000 euros. E servirá para atender a terceira e última fase das obras. 

“No mes de agosto de 2021 deu comezo a primeira fase cun orzamento de 48.000 euros. Non mes de xaneiro de 2022 comezou a segunda fase cun orzamento de 48.000 euros. O total contando coa subvención da terceira fase é de 144.000 euros”, explica o goberno local. “O obxectivo desta actuación  foi principalmente  mellorar o pavimento e a renovación das tubaxes de rede de sumidoiros e auga potábel”.