“O máis urxente era protexer o que quedou en pé. Consolidouse o muro e tapáronse as sepulturas danadas con pontóns e táboas grosas de madeira e unhas lonas”, explicou esta mañá ao Diario do Limia Raúl Alfonso González, o vicario episcopal para o Patrimonio e o Sostemento da Igrexa Diocesana do Bispado de Ourense.
O Diocese xa investiu algo máis de 25.000 euros nestes primeiros traballos na Igrexa de San Salvador de Sarreaus, que o pasado 1 de maio, domingo, durante a celebración da misa que se trasladou fóra do templo por precaución, viu como cedía un dos muros exteriores e como varios perpiaños desprendidos esnaquizaban as lápidas de máis dunha ducia de sepulturas no cemiterio do adro.
Non houbo que lamentar feridos, pero os danos foron considerábeis. E desde aquela data o culto celébrase na capela de Sarreaus. O acceso á Igrexa permaneceu prohibido durante case un mes, e nas últimas semanas afianzouse o muro afectado e retiráronse os restos de perpiaños e lápidas. O resto do cemiterio pódese visitar.
“Agora temos o proxecto case rematado e está pendente de pasar por Patrimonio para que se autorice a obra”, indica González. En canto a Dirección Xeral de Patrimonio reúna á comisión Igrexa-Patrimonio, abordarase o asunto e no Bispado de Ourense esperan que os traballos de restauración poidan comezar durante o mes de setembro.
Polo momento non hai data para recuperar o culto na Igrexa de San Salvador. A seguridade das persoas e do conxunto aconsella evitar as celebracións. Tampouco o Bispado ten unha estimación do custe final da actuación. “Pode ser a obra máis notábel agora polo impacto que causou a noticia do derrubamento, pero nin moito menos é a máis custosa que se vai acometer este ano. Hai obras de reparacións de tellados e mesmo doutras igrexas, por exemplo na zona do Ribeiro, que esixirán máis recursos”, di o vicario.
O Bispado di que o Concello de Sarreaus xa concedeu os permisos necesarios e que a colaboración entre as institucións está sendo fluída.