martes. 03.12.2024

A osteoporose é unha enfermidade común nos osos que aparece cando o corpo descompón máis tecido óseo do que pode repoñer. Este desgaste pode tratarse a través de achegas de calcio, vitamina D e exercicios. Para prever esta enfermidade, a Escola Rural de Saúde da Limia, en colaboración coa Deputación e Ortopedia Prieto, está a desenvolver desde este luns unha campaña de probas con densiometría por ultrasóns que permite medir a cantidade de oso.


Pasado mañá mércores haberá probas públicas na Casa da Cultura de Xinzo. As probas, gratuítas e que contan tamén coa colaboración do Concello de Xinzo, consisten nunha medición cun aparato de ultrasóns no que se axusta o pé descalzo no que se aplica previamente un xel no calcañar. Apenas dura uns segundos. E os resultados coñécense de inmediato. 


É necesario anotarse chamando ao teléfono 603 78 44 35, ou a través dunha mensaxe de Whatsapp ou Telegram. Tamén se pode facer por medio do envío dun correo electrónico ao enderezo da asociación: [email protected]


As probas comezarán ás 10:30 horas na Aula 2 da Casa da Cultura. E, xunto aos resultados, as pacientes recibirán información sobre alimentación e hábitos saudábeis, así como prevención da perda de masa ósea e a probabilidade de fracturas. 


O farmacéutico e nutricionista Pablo García Vivanco está á fronte do equipo que completan Elisa Cadaya (enfermeira), Lola Rico (técnica en coidados de enfermaría) e Rosa Trujillo (psicóloga).


En Arnuíde (Vilar de Barrio), as probas comezarán o mesmo mércores ás 16:00 horas no Centro Social. E, a partir das 18:00 horas, o equipo estará realizando os controis no Forno comunitario de Sarreaus. A campaña está aberta até o luns día 27 e nos próximos días a asociación informará de novas datas.

NOTICIAS A LIMIA | Campaña na Limia para controlar os riscos da osteoporose