martes. 03.12.2024

A actividade da Escola Rural de Saúde da Limia, xa con máis dunha década ás costas, en atención á saúde das persoas do rural (todas na Limia) segue un método sinxelo e ten un efecto notábel. Cando menos na divulgación de conceptos básicos sobre o coidado individual. 


A Escola é eficaz porque chega á xente e a xente aprende coa Escola. E dá o mesmo que se fale de osteoporose, como foi o caso onte en Porqueira e Sandiás e durante a semana pasada noutros catro concellos limiaos, que se fale de violencia de xénero. O método é idéntico: boa información, na dose precisa e tempo para dixerila.


Falando de osteoporose e dunha das claves para atrasala, a alimentación, o método recolle da experiencia: bos alimentos, na medida xusta e demorarse no consumo. “O cerebro tarda uns vinte minutos a información de que estamos comendo e nos estamos saciando”, aconsellou Lola Rico, unha das responsábeis da Escola, onte aos dous grupos (a maioría mulleres) de veciñas que viñeron a escoitalas primeiro na Forxa e despois en Sandiás.


“Para non consumir alimentos malos o mellor é non compralos. E ir comidas aos mercados, porque se non sempre se compra demais”, continuou Rico. “Aprender a comer é fácil; o difícil é aprender a comer cada vez menos”.


Falando de osteoporose, dixo tamén Lola Rico, que “hai moitas enfermidades que veñen cos anos, pero hai que saber que hai moitas cousas que nos axudan, coñecer as cousas que son boas”. Por exemplo, para atrasar os efectos da osteoporose, unha enfermidade que non doe, pero que pode traer efectos indesexábeis polo desgaste dos osos, camiñar e comer ben.


Camiñar para recibir vitamina D. Consumir alimentos que aporten vitamina D e calcio. Os pescados azuis, as sardiñas en lata, un ovo diario, queixos frescos porque teñen menos calorías e o mesmo calcio, e espinacas. Tamén as legumes e o arroz, e mesmo o pescado conxelado porque conserva as súas propiedade nutrientes.

Asistentes á charla osteoporose en Porqueira (FILEminimizer)
Asistentes á charla osteoporose en Porqueira. | FOTO: Escola Rural de Saúde da Limia.

Que comer, en que cantidade, como comer. Esas son as preguntas inmediatas. A charla dura quince minutos. Quince minutos falando ao redor da osteoporose mentres as ouvintes esperan para que lle fagan a proba no calcaño dan para falar de moitas cousas. Tamén da pataca, que é mellor cocida, tres veces mellor que frita, sostén Rico. E de como hai que distribuír o prato: a metade do consumo diario ideal serían froitas e verduras, un cuarto de proteínas e un cuarto de hidratos. 


As mulleres escoitan. A proba da osteoporose é unha desculpa para se reunir e falar de cousas que interesan. A saúde, os alimentos, os bos consellos, un coñecemento compartido que está na base dunha boa saúde: a prevención. Esa é a guía da Escola, ir facendo rego, escola. Pasado mañá a Escola presenta a vida escrita dun médico rural. Outra ocasión para abrir os ollos e as orellas. 

NOTICIAS A LIMIA | Boa información, na dose precisa e tempo para dixerila