miércoles. 04.12.2024

A campaña de control da osteoporose impulsada pola Escola Rural de Saúde chega á última semana con dúas citas hoxe en Porqueira (na Casa do Concello na Foxa ás 16:00 horas) e en Sandiás (na Casa da Cultura, ás 18:30 horas). Para anotarse á charla en Porqueira é necesario chamar ao teléfono 988 46 61 02. No caso de Sandiás, o teléfono para se inscribir é o 988 46 50 01.


A campaña comezou ou 20 de xuño na Boullosa (Baltar), coa participación de 20 veciñas e veciños de entre 61 e 89 anos de idade. O mércores pasado, en Xinzo, realizáronse a proba 37 persoas de entre 50 e 96 anos. Ese mesmo día, o equipo de profesionais estivo en Arnuíde (Vilar de Barrio) e en Sarreaus. 


“A osteoporose é unha enfermidade silenciosa de perda de densidade ósea, que aumenta coa idade e que volve os osos máis fráxiles, sendo a principal causa das fracturas de cadeiras nas persoas maiores”, informan desde a Escola Rural de Saúde.


Nestas charlas, ofrécese información sobre alimentación e hábitos saudables, formación para a prevención e, ademais, realízanse probas de medición por ultrasón da densidade ósea do calcaño. Para a realización da proba é preciso aportar os datos de altura e peso.


O equipo de profesionais está formado polo farmacéutico e Máster en nutrición Pablo García Vivanco, a enfermeira Elisa Cadaya, a psicóloga Rosa Trujillo e a responsábel da  Escola Rural de Saúde, Lola Rico. Ao remate desta campaña, esperan ter realizado ao redor dunhas 100 probas entre os seis concellos.

NOTICIAS A LIMIA | A campaña de control da osteoporose remata en Porqueira e Sandiás