O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana o decreto da Consellería de Medio Rural que declara de utilidade pública á concentración parcelaria de Escornabois, no concello de Trasmiras. Esta actuación prevé reorganizar case 300 hectáreas -293- repartidas 2.632 parcelas que son propiedade de 711 veciños, e contará cunha inversión dun millón de euros
Este novo decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que ten por obxectivo aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custo de produción. No caso de Trasmiras, e pola súa ubicación na Limia, o sector primario conta cunha importante implantación de explotacións gandeiras, ademais de cultivos de pataca, millo, cereal e hortícolas extensivos.
A reorganización dos terreos en Escornabois non é a única levada a cabo en Trasmiras, tamén se levaron a cabo outros cinco procesos en Chamusiños, Trasmiras, Viladerrei, Vilar de Lebres e Zos. En total, supuxeron a reordenación dunha superficie total de 4.293 hectáreas concentradas en 7.230 predios de substitución e con 5.258 propietarios beneficiados.