jueves. 21.11.2024

“O meu pai era de Vilar de Santos e miña nai de Vilariño das Poldras. Como calquera fillo de emigrantes, pasei os veráns da miña infancia aí. As miñas raíces están aí, os meus pais están soterrados en Vilar de Santos. Sempre digo que a infancia é a patria dunha persoa, e boa parte da miña infancia está neses lugares”, confesa Juanma Quelle, conferenciante, coach e escritor, un vasco de orixe galega que viaxa por medio mundo ofrecendo charlas “motivadoras” a empresas e institucións. “Xa din tres veces a volta ao mundo falándolle a xente de como alcanzar a felicidade. Hai só unha semana que regresei de Chile”. Este venres (18:00 horas) impartirá unha conferencia en Vilar de Santos no salón de actos.   


Segue vindo con frecuencia?
Practicamente cada ano. Estiven o ano pasado e tamén no 2019, o anterior á pandemia. 


Como xorde a idea de dar unha conferencia en Vilar de Santos?
A xente do Concello e do Museo da Limia coñece a miña traxectoria. E foron eles os que tomaron a iniciativa. Propuxéronmo e aceptei inmediatamente. Din aquela no 2019, e agora que teño nova conferencia, o compromiso e volver e facela gratis en Vilar de Santos.

 
De que trata esta conferencia?
Titúlase PositivArte. É unha conferencia á que teñen asistido máis de 50.000 persoas en España e en Latinoamérica nos últimos dous anos. Trata sobre psicoloxía positiva e pensamento positivo. Todos temos dous xeitos de pensar que coexisten: o pensamento positivo e o negativo. Para termos maior confianza en nós mesmos e mellor calidade de vida pódese traballar o pensamento positivo. Esta é unha característica común entre todas as persoas de éxito que coñecemos: son xente positiva. O 63% das persoas que aparecen na lista Forbes non ten un título universitario, o seu éxito lográrono a través de habilidades sociais e intelixencia emocional. 

A conferencia transcorre por un camiño equidistante entre a ciencia e a holística. É apta para todos os públicos e chea de exemplos, do que se trata é de que te cuestiones a maneira como pensas. 


Pódese traballar o cambio na forma de pensar?
Pódese. A felicidade practícase. Como se consegue que a xente pense de maneira máis positiva? Pois entendendo algúns aspectos da mente humana... A nosa mente non está preparada para facernos felices; está deseñada para a protección da especie. A mente, de natural, pensa en negativo, porque a súa función é protexernos. Por exemplo, diante dunha crítica levantamos todas as barreiras, ten un impacto forte en nós; mentres que os eloxios tomámolos como algo natural. Cando se entende iso, empezamos a relativizar. En resumo, a resposta é si, pódese preparar a unha persoa para que pense dunha maneira máis positiva.


Hai unha base científica detrás destes coñecementos?
Eu son mestre en Psicoloxía Positiva Aplicada. Cheguei a este campo hai uns anos, sendo director de comercial e de márketing en varias empresas privadas e públicas. No 2015 decidín todo que aprendera dirixindo equipos ao servizo de dúas cousas: axudar a persoas e organizacións a alcanzar os seus obxectivos, e compartir estratexias para alcanzar a felicidade. Ese mesmo ano escribín o meu primeiro libro: Territorio Felicidad


Que obxectivo previo de propón antes de falar para a veciñanza de Vilar de Santos?
Espero que ao final da charla haxa máis xente que teña a sensación de que algo pode mellorar na súa vida. Hai dous tipos de persoas: aquelas que ven o que desexan conseguir, e aquelas que só ven aquilo que as separa do que desexan conseguir. A experiencia indícame que moita xente que escoita a miña conferencia empeza a centrarse máis no que quere conseguir. Ese é un cambio mental. A conferencia transcorre por un camiño equidistante entre a ciencia e a holística. É apta para todos os públicos e chea de exemplos, do que se trata é de que te cuestiones a maneira como pensas. 


A felicidade está máis próxima no rural, por exemplo, na Limia?
A felicidade é un concepto bastante individual. É algo que cada un ten que definir. É verdade que A Limia ten cousas moi interesantes, como o contacto coa natureza... cousas que te achegan á felicidade. Haberá xente na Limia moi feliz e xente que non o é. Digamos que hai un mapa da felicidade e a metade do mapa é común a todos: ten a ver coa familia, con dispor do básico, coa saúde. E hai outra parte dese mapa que só che fai feliz a ti.


Cal é o seu mapa?
No meu mapa da felicidade está A Limia. Para min, achegarme a esa terra, esas paisaxes, ese estilo de vida... a vivir máis amodo... A Limia ten algo que non teñen outros lugares: non hai présa. Vives ao ritmo da natureza. Quizá xa non en Xinzo, mais Vilar de Santos é un lugar no que un pode ausentarse da présa. E isto, sen dúbida ningunha, colócate máis preto da felicidade en termos xerais. Pero, insisto, é un concepto individual. Para min, ir a Vilar de Santos e evocar a infancia e aos meus pais, pode ter este sentido. Para alguén que viva todo o ano en Vilar de Santos pode ter outro.

Conferencia Vilar de Santos
Cartela da conferencia deste venres en Vilar de Santos.

ENTREVISTA | “A Limia ten algo que non teñen outros lugares: non hai présa”