sábado. 23.11.2024

Antonio Míguez Nogueiras (Castealos, Vilar de Santos, 64 anos) será elixido mañá (12:00 horas) alcalde de Vilar de Santos en substitución de Xan Xardón, que presentou a renuncia esta semana por motivos persoais. Míguez Nogueiras está próximo á xubilación no seu traballo de encargado de mantemento da A-52, no que leva 21 anos. É viúvo e ten dous fillos, a filla traballa na hostalaría e o fillo é enfermeiro.

Míguez Nogueiras é un veterano da política local. En 1999 foi elixido por primeira vez concelleiro na lista de Antón Xardón, daquela no BNG. Despois, o mesmo grupo fixo xunto todo un percorrido: do Bloque pasaron a CxG, e máis tarde constituíron unha candidatura independente (Xuntos por Vilar de Santos) hoxe aínda con vínculos coas Mareas, di o próximo alcalde.

“Serei o sexto alcalde de Vilar de Barrio. Sempre estivemos próximos ao Bloque. Todo rexurdiu con Miguel Grande, o cura de Parada de Outeiro, naqueles anos da Transición. Foi cando empezamos a xuntarnos. A xente di que sempre gobernamos os mesmos, pero non é certo. Eu serei o sexto alcalde. Hai renovación. A ver cantos concellos poden dicir iso”, comeza Antonio.

É vostede nacionalista?
Máis galeguista que nacionalista. Non sei se en Vilar de Santos se nos pode considerar nacionalistas. Nacionalistas galeguistas... iso sería o bonito.

Como viviu aquela saída do BNG?
Pois aquilo non foi adiante. Marchou xente en moitos concellos. Nós somos un grupo duns vinte ou trinta veciños e sempre fomos xuntos. Marchamos xuntos do Bloque e marchamos xuntos de Compromiso. Entre nós nunca houbo unha ruptura. Aquí a cabeza visíbel é o alcalde, pero somos moita xente traballando detrás, moita.

Malia os cambios de siglas, seguen encadeando maiorías absolutas...
Traballase duro os catro anos e trabállanse ben as eleccións. A poboación está moi identificada co proxecto. Iso en primeiro lugar. Pero aquí a xente exixe. Vótanche, pero despois exixen. Moito. 

Como tenente de alcalde de Xan Xardón, a que lle dedicou máis tempo nestes anos na xestión?
Pois fixen un pouco de todo. Estamos moi compenetrados. O alcalde é o que fai, pero eu sempre estiven moi próximo ás veciñas e aos veciños. 

A xente quere ver ao alcalde. Nun principio, esa é a miña intención, estar máis na rúa, nas aldeas

Di que o alcalde é o que fai, agora tócalle a vostede...
Eu son máis partidario do grupo. 

Vai cambiar cousas?
Un pouco. Creo que debería estar máis nas aldeas... mesmo estou pensando en recuperar pedáneos. Hai que estar próximos á xente. E a xente quere ver ao alcalde. Nun principio, esa é a miña intención, estar máis na rúa, nas aldeas.

Antonio Míguez Nogueiras. Xuntos por Vilar de Barrio. foto NOELIA CASEIRO (3)
Antonio Míguez, hoxe, diante da Casa do Concello.

Por que foi elixido vostede para suplir a Xan Xardón?
Foi un acordo unánime. Nós nunca usamos o voto en papeleta, sempre é a man alzada. Somos todos compañeiros, non hai ese interese en ser o alcalde. Que eu sexa o relevo obedece tamén a certa coincidencia. Estou próximo ao retiro. Vou ter tempo. E voulle dedicar un tempo.

Como valora a figura de Xan Xardón?
É un home moi preparado. E non se lle pode pedir máis do que fixo. Penso que a pandemia cambiou todo. Nunha época tivo dedicación exclusiva e agora xa non a ten. Pero a xente segue querendo ver ao alcalde.

Que eu sexa o relevo obedece tamén a certa coincidencia. Estou próximo ao retiro. Vou ter tempo

Terá vostede dedicación exclusiva?
Non. Vou facer esta etapa que me gusta e despois xa veremos.  

Xardón deixa o cargo por circunstancias familiares. Volverá se esas circunstancias llo permiten?
Penso que non. Son dos que penso que temos que lle ir dando paso a outra xente.

Temos que facer as cousas para lle dar paso á xente nova. Esa é a miña idea. O único seguro é que estarei un ano e dous meses

Vostede tamén se descarta como candidato o próximo ano?
Agora non toca. Mais de verdade que penso que temos que facer as cousas para lle dar paso á xente nova. Esa é a miña idea. O único seguro é que estarei un ano e dous meses. 

Chégalle tarde esta ocasión de ser alcalde?
Xa puiden ser alcalde cando o deixou Antón Xardón no 2005. Pero aquí, insisto, non hai ese interese en ser isto ou aquilo. Eu tiña o meu traballo. Antes estiveron outros, Enrique, Manolo, Arturo... Veu o Xan, e moi ben. Dezaseis anos, e moi ben.

Manterán as siglas para as próximas municipais?
Xa veremos... [sorrí]. En serio, o alcalde é a cabeza visíbel, pero detrás hai un grupo grande e sempre temos moito apoio. Nas municipais vótanos tamén xente do PP, se non as cifras non darían.

ENTREVISTA | “Vou facer esta etapa que me gusta e despois xa veremos”