Antonio Míguez, o alcalde de Vilar de Santos, visitou a Deputación o pasado 20 de abril. Catro semanas despois, Xosé Manuel Baltar, presidente da Deputación, devolveu a visita. “Está é a primeira visita dun presidente da Deputación a este concello, que é un exemplo de dinamización do medio rural”, subliñou o propio Baltar, presidente da Deputación desde 2012, sucedendo a Xosé Luis Baltar, que foi presidente desde 1990.
Baltar veu concretar a axuda que recibirá Vilar de Santos da Deputación: 12.000 euros para o funcionamento do Museo da Limia; 52.000 euros, para completar unha iluminación pública máis eficiente; 27.000 euros para unha pista en Casas da Veiga; e 18.000 euros para a pavimentación da rúa do Forno.
“Agradézolle que se lembre de nós. Somos concellos pequenos e necesitamos todas a axudas posíbeis. Ademais, gústannos os museos con vida, e agora que a actividade se reactivou no Museo da Limia dan man dos artesán, queremos mantelo vivo”, explicou o alcalde.
Pola súa parte, o presidente da Deputación, concretou os prazos. Os 109.000 obteranse mediante un modificativo de crédito, que será aprobado (o PP ten maioría) no pleno da entidade provincial do próximo 30 de setembro. Despois do prazo de exposición pública dun mes, “para novembro e decembro”, poderían comezar as intervencións.
Tras unha breve reunión na Casa do Concello e atender ao medios de comunicación, Antonio Míguez acompañou a Xosé Manuel Baltar a unha visita pola localidade. Era a primeira vez que Baltar acudía como presidente da Deputación ao concello, comprometidas as axudas -que o alcalde levaba anotadas nun caderno- correspondía demorarse nun paseo.