O Concello de Xinzo de Limia organizará un acto institucional con motivo do Día Nacional de Galicia o próximo luns, 25 de xullo. O acto terá lugar ás 21 horas no Parque Galicia, no barrio do Polígono, e consistirá nunha ofrenda floral.
Ademais, haberá unha actuación musical. Está previsto un recital a cargo do dúo 2naFronteira, composto por Carme Penim e Maurizio Polsinelli. Carme Penim é orixinaria do Couto Mixto e o dúo conta cun amplo repertorio de poemas musicados de diversas autoras e autores galegos. O espectáculo que presentarán leva por título: Cantares para Rosalía.
2naFronteira repetirá presenza en Xinzo cunha actuación o sábado seguinte, 30 de xullo, na Praza Maior. Nesa ocasión ofrecerán un espectáculo familiar: Vén que che canto un conto.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia celebrará este sábado, 23 de xullo, unha festa previa ao Día da Patria que as nacionalistas festexan cunha manifestación o 25 de xullo en Compostela. Como parte da campaña da organización previa ao Día da Patria, a asemblea local de Xinzo convocou a militantes e simpatizantes a unha romaría o sábado pola mañá, a partir das 13:00 horas, no Mosteiro de Trandeiras.
A celebración, Romaría da Limia. Un encontro nacionalista, incluirá un xantar popular (prezo: 10 euros). Haberá empanadas, tortillas e carne asada. Tamén unha opción de menú vexetariano, e bica, café e licores. Haberá gaiteiros, e o BNG de Xinzo espera contar coa presencia do deputado provincial, Bernardo Varela, e outros membros da organización da comarca, ademais da militancia de Xinzo.
Carlos Pérez, responsábel local do BNG, explica que a romaría é “un convite a todas aquelas persoas que queiran que Galiza teña un futuro mellor”. As nacionalistas veñen desenvolvendo desde a primavera unha campaña de visitas aos núcleos rurais de Xinzo. Esta fin de semana cambiarán o vermú dos domingos no rural pola romaría en Trandeiras previa ao 25.