O Grupo Provincial Socialista levará unha iniciativa ao próximo Pleno da Deputación de Ourense para esixir a xestión pública e directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD), tal e como aprobou a unanimidade dos grupos no plenario o pasado 20 de decembro.
"A nosa preocupación é máxima porque a reivindicación da provincia e das familias sempre pasou por unha xestión 100% pública do futuro Centro e non pola fórmula elixida pola Xunta, que é contraria ao sentido das reivindicacións e supón un agravio comparativo para Ourense con respecto ao resto de provincias galegas", subliñou o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila.
Para o deputado socialista, "coa decisión de sacar a licitación a xestión do futuro CAPD o PP de Ourense privilexiou claramente a ideoloxía e a lóxica de partido sobre os intereses da provincia e das propias familias". "O PP consuma un novo agravio do PP coa provincia e sanciona o desleixo da Xunta cara as familias de persoas con discapacidade en Ourense", sostivo Vila.
Segundo este, "existen claros indicios de que todo estaba ben atado e planificado, de aí a inmediata reacción do presidente Menor ao coñecer a noticia, afirmando comprender e entender a decisión do goberno autonómico, malia que apenas uns días antes defendeu e votou xusto o contrario, é dicir, a xestión pública directa do Centro".
“Modus operandi habitual” e decisión reversible
O voceiro socialista puxo énfase nos arredor de 10 millóns de euros de investimento no futuro CAPD de Barrocás e nos case 14 millóns de euros contemplados na licitación da súa xestión, arremetendo contra a "incoherencia" e "falsidades" do PP ourensán. "O partido de Menor sempre supedita os intereses da provincia aos de partido, querendo entregar agora o coidado das persoas con discapacidade a unha empresa para o seu lucro", declarou Vila.
O socialista condenou o "modus operandi habitual" do PP, ao presentar a adopción dunha decisión unilateral coma feito consumado e impelendo á sociedade a afrontar a realidade. Segundo Vila, "a situación é reversible, xa que o Centro, que acumula moito retraso, aínda está sen abrir, sendo factible proceder para que a súa xestión sexa totalmente pública".
Seguindo as propias demandas da Plataforma Pro CAPD, o Grupo Provincial Socialista, require que a conselleira de Política Social, Fabiola García, ou o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se reúnan "á maior brevidade posible" coas familias, presidente de Deputación e grupos con representación na corporación provincial para "reconducir de urxencia a situación".
O PSdeG-PSOE da provincia de Ourense en orde de batalla
Amais das deputadas e deputados socialistas na corporación provincial, acompañando a Vila na rolda de prensa estaba o secretario provincial do PSdeG-PSOE e senador por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. Este destacou o "rol gregario da provincia de Ourense para un PP imbuído dunha ideoloxía segundo a cal os programas sociais debería desaparecer".
Para o líder dos socialistas ourensáns, "a externalización do CAPD de Ourense amosa que as persoas non son unha prioridade para a Xunta do PP, que opta por facilitar o servizo a quen eles queren, reservando a súa xestión para entidades que estiman merecen remuneración e, ao mesmo tempo, louvando os privilexios de ser atendidos por unha ONG".
O secretario provincial do PSdeG-PSOE destacou a "hipocrisía" de figuras coma o presidente Menor ou a deputada provincial e alcaldesa de Boborás, Patricia Torres. "Non cesan de dicir que poñen por diante de calquera ideoloxía aos veciños, simulando unha sorte de renuncia ideolóxica para manter a súa base electoral, pero que logo dan prioridade ao beneficio económico de entidades privadas", concluíu Villarino.
Os socialistas anunciaron a presentación de mocións a prol da xestión pública directa do CAPD ourensán en todos os concellos da provincia. "Estamos en orde de batalla porque Ourense merece un CAPD público e xestionado directamente pola Xunta, ao igual que os das outras provincial galegas", dixo Vila.