sábado. 23.11.2024

FESQ22 🐺 | A lenda do río Lethes ou río do esquecemento

FESQ22

Edelmiro Martínez Cerredelo. Colaboración Esquecemento. FESQ22

“Contan as lendas que quen atravesaba as augas do río Limia perdía a memoria da súa vida anterior esquecendo a súa patria... O río Limia do que nos falan os autores clásicos, e o río do esquecemento flumen oblivionis, semellante a outro que na mitoloxía grega sitúa no inferno, unha fonte na que bebían os mortos para esquecer a memoria da vida (río Lethes)... A mitoloxía galaica conta que os galegos, o morrer, van de viaxe, a cabalo ou en barca, a outro mundo que hai na auga en algunha parte de este mundo... Segundo a tradición galaico portuguesa, ríos fontes e lagos son seres dotados de unha forza marabillosa que expande vitalidade...” (cfr.Val do Limia, un río, dous países.2001:8).

A nosa vinculación co Imperio Romano comezou ca chegada a Gallaecia das tropas de Décimo Xuño Bruto ao río do esquecemento, o Flumen Oblivionis de Pomponio Mela, o Lethes de Estrabón e o Limæ de Plinio. É esta unha mestura entre a historia e a fábula, mais con efectos históricos, non debemos esquecer a predisposición que os gregos e romanos tiñan canto á crenza, levados por mitos propios, dun río Oblivionis ou Leteo. 

Escribe o Padre Florez que, a orixe do nome de Lethes ou do Olvido explícaa Estrabón dicindo que provén dun suceso acontecido entre os Turdulos e os Célticos, os cales nunha expedición cara o Norte, pasado o río Limia, aconteceu entre eles una sedición a que seguiu a morte do seu capitán, quedando todos dispersos sen acordarse do asunto que os guiaba, e por tanto naceu o nome do río del Olvido.

Chegou a tomar tanto corpo o asunto que ningún romano se atreveu a tocar as súas augas, temendo esquecerse da súa patria. No obstante a motivación para facérllelo crer ós romanos tivo que partir dos habitantes da Limia.

Estrabón sostén que a lenda provén dun suceso acontecido entre os Turdulos e os Célticos, os cales nunha expedición cara o Norte, pasado o río Limia, aconteceu entre eles una sedición a que seguiu a morte do seu capitán, quedando todos dispersos sen acordarse do asunto que os guiaba.

Di Elixio Rivas que Lucas Labrada, home da Ilustración, encara ben este tema histórico lendario do que estamos a falar: «Un punto histórico muy celebrado de los escritores antiguos, acaecido a Bruto en la Limia en el año de Roma 619, antes de Cristo 132, no debe el Consulado dexar de insertarle aquí antes de pasar adelante. Los soldados romanos enseñados por los griegos a dar mucho crédito a la fábula, tenían creído que a la entrada de los Campos Elíseos había un río cuyas aguas pasaban las almas que iban a poseer aquella feliz morada, dejando en su corriente la memoria de todo lo terreno, por lo que le llamaron Lethes en griego, que en castellano significa olvido. Salió pues Bruto de Braga con el ánimo de conquistar toda Galicia; llega al Río Limia, llamado ya Limaea, ya Lethes, y acordándose los soldados de la fábula se poseyeron de un pavor mortal, por lo cual no fue posible hacerles pasar el río, representándoles entre los horrores de la diafanidad de sus aguas, la desunión violenta del apreciado lazo de la vida. Advertido por Bruto este desaliento, pospuso al valor la religión y quiso con el ejemplo sacarlos del engaño. Por lo cual, tomando el estandarte de su ejército, se arrojó al Limia, atravesó su temida corriente, y desde la ribera contraria los empezó a llamar, haciéndoles ver su falsa creencia, pues él ni se había muerto, ni se había olvidado del ejército; y en efecto, desvanecidas por este medio las ilusiones del entendimiento de los soldados, pudo al fin lograr su general que hubiesen pasado el río, despreciando las fábulas que los habían amedrentado».

Castrexos. Desfile. Festa do Esquecemento. Artigo Cerrededo FESQ22
Desfile de grupos de castrexos durante a Festa do Esquecemento.

Hasta aquí a lenda, pero vexamos o que nos di Elixio Rivas da historia: «Un ano despois da morte, a traizón, de Viriato, no ano 138 a X.C., Décimo J. Bruto, segundo Apiano, chega polo Sur e ataca, primeiro os lusitanos, logo os galegos nos seus castros. Era a primeira razada para someter a Roma o territorio do Texo, Douro, Limia e Miño. Os galecos ou galaicos eran veciños dos límicos. Moraban sobre do río Limia pola zona de Entrimo. A contra que ós romanos lles fixeron estas tribos, tamén á dos límicos, foi tal que Floro aseméllaos ós de Numancia. Homes mulleres e nenos loitaron a morrer. Non son verbas ó ar; ven testemuñado polo feito de o vencedor, Décimo Xuño Bruto, recibi-lo título honorífico de Galaicus, cando volveu a Roma».

Non se sabe como foi a campaña de Bruto, xa que nada revela de se este ascendeu ou non polo litoral, unicamente se coñece que marchou do Douro ao Limia e de aquí ao Miño; non se mencionan grandes batallas nesta guerra, na que pereceron miles de galaicos que interviñeron a favor dos lusitanos, esta vitoria abriría as portas do interior de Galicia ás lexións romanas mandadas por D. J. Bruto.

Esta coñecida lenda orixina que, partindo dunha iniciativa de Carlos Gómez Salgado, no ano 2001, fundásemos a Asociación Cultural Civitas Limicorum, que aproveitando o feito histórico da chegado dos romanos a Gallaecia castrexa e a coñecida lenda do paso do río Lethes, organizamos a I Festa do Esquecemento á beira do río Limia.

Esquecemento. Artigo Cerredelo. FESQ22 (2) (FILEminimizer)
Lexións romanas tras a batalla cos castrexos.

Daquelas unha comisión formada por Carlos Gómez Salgado, Arsenio Martínez Paz e Edelmiro Martinez Cerredelo, partindo da nada e incluso con certo rexeitamento institucional e veciñal, organizamos a primeira festa. A ídea principal era a recreación histórica da lenda, a dinamización do comercio e hostalaría local e, ao mesmo tempo, evitar que os veraneantes se marcharan da Limia despois do 15 de agosto e permaneceran unha semana máis na comarca para asistir a festa.

Así pois, rompendo todos os agoreiros prognósticos, dende o ano 2001 celébrase a Festa do Esquecemento o terceiro fin de semana de agosto, e xa van 22 anos. É unha festa de castrexos e romanos, que ten como elemento central a conmemoración da chegada a Gallaecia das tropas romanas mandadas por Décimo Xuño Bruto, no ano 137 a. X.C., e o paso de río Lethes, o río do esquecemento da lenda coñecida por todos.

Durante estes días revívense os elementos fundamentais da cultura castrexa e romana. Campamentos das tropas romanas e castrexas á beira do río na Alameda do Toural, venda de escravos no campamento, mercados de artesanía no casco vello de Xinzo, acendido do lume sagrado na Praza Maior, desfiles polas rúas da vila das lexións romanas e hordas castrexas, espectáculos de circo romano na explanada do Toural, teatro, concertos e, o acto principal, o cruzamento do río e a batalla de castrexos e romanos, constitúen a esencia des festa de recreación histórica que esperamos e desexamos se celebre moitos anos máis.

Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946) é historiador, ten publicado unha ampla serie de estudos sobre Xinzo, entre eles, unha historia da vila e un ensaio sobre a guerra civil e o primeiro franquismo en Xinzo. Os seus últimos ensaios son O Entroido de Xinzo de Limia (2021) e Historia da música en Xinzo de Limia (2022).

FESQ22 🐺 | A lenda do río Lethes ou río do esquecemento