A estas alturas, no ano 2022, para ninguén é un segredo que as festas de recreación histórica están en auxe. Onde queira que miremos aparecen recreacións de calquera época grazas a enriquecedora historia que temos neste país. Pensando nesa gran riqueza no ano 2000 en Cartaxena fúndase a Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH) coa intención de promover e preservar a calidade das recreacións, así como darlle a máxima difusión tanto a nivel nacional como internacional.
Por aquel entón foron 4 festas as que deron un paso á fronte para a creación de esta asociación, entre elas dúas grandes coñecidas para a Festa do Esquecemento. Unha delas os nosos padriños en isto das recreacións, Cartagineses e Romanos de Cartaxena, e outra os nosos veciños de Festa da Istoria de Ribadavia.
A Festa do Esquecemento arranca a súa andaina no ano 2001 e foi so un ano despois cando ingresa na Asociación Española, polo que case se pode dicir que, aínda que non foi fundadora, foi unhas das primeiras en entender o importante que é para todas as festas de recreación a unión.
Despois dos sete anos que levo na directiva da Asociación Española, eu destacaría iso, a unión que hai entre as festas, que dá igual que teñas un presuposto de 700.000 euros, que esteas nunha grande cidade de 200.000 habitantes ou nunha vila de 900, ao fin os problemas aos que nos enfrontamos son, en maior ou menor medida, os mesmos.
A Festa do Esquecemento certo é que non pertence as festas con maior presuposto, pero si é unha das maiores en porcentaxe de participación segundo a poboación da vila, e cun modelo de financiamento que serviu de exemplo a varias festas de vilas pequenas.
O feito histórico que recreamos na nosa vila, ten unha grande importancia dentro da asociación xa que non deixa de ser o acontecemento histórico máis antigo relatado nas crónicas do Bispo Idacio, por Tito Livio e outros autores clásicos, sobre a conquista da Gallaecia, que se recrea hoxe en día dentro da Asociación Española. É o ensalzamento dun personaxe tan importante como Décimo Xuño Bruto, conquistador da Gallaecia e fundador da cidade de Valencia; avó do famoso Bruto que participou na conspiración máis famosa da antigüidade: o asasinato de Xulio Cesar.
Todo isto desperta moito interese e curiosidade non so no resto de España senón tamén de Europa. No ano 2008, a AEFRH entra a formar parte da Confederación Europea de Festas Históricas, onde están representados hoxe en día países como Francia, Alemaña, Italia, Hungría, Polonia, Países Baixos, Eslovenia, Suiza, Portugal e España, facendo irmandade entre festas e promocionando en feiras de turismo o longo de todos estes territorios.
No ano 2013 a AEFRH contaba con un total de 11 festas, empezou neste momento unha renovación do modelo a seguir comezando a centrarse máis na promoción en redes sociais, promocións, feiras de turismo, publicacións periódicas,... Tamén sendo pulcros no rigor histórico coa axuda dun asesor histórico, catedrático da Universidade Miguel de Cervantes de Valladolid, que é quen realmente nos pasa á directiva un informe sobre os requisitos históricos indispensables para entrar a formar parte.
Grazas a ese cambio en menos de 10 anos a asociación pasou de 11 socios a 38 e con 4 en trámites de aceptación a día de hoxe. Para nada están todas as festas de todo o territorio español, pero si as mais importantes e rigorosas. Foi tamén grazas a este rigor polo que contactaron con nós varios senadores que están na comisión de cultura e turismo para pedir colaboración da AEFRH para inventariar as festas históricas, xa que ven estes eventos como un produto turístico pouco explotado e moi esquecido polas administracións, posto que non existe ningún tipo de axudas especificas, e ven nelas unha oportunidade económica, xa non so para as cidades se non para as vilas do rural que cada vez están mais despoboadas por falta de oportunidades e distraccións.
Para min é un motivo de orgullo que en seu momento o presidente Antonio Madrid contara comigo para formar parte da directiva e levar o nome de Xinzo de Limia e da Festa do Esquecemento o longo do territorio. Persoalmente é moi enriquecedor escoitar e descubrir feitos históricos que descoñecía, fundación de cidades, guerras, creacións de reinos, conquistas, mortes por amor e un longo etcétera, e descubrir todas as conexións históricas entre os pobos aínda que existan centos de quilómetros de distancia.
Tanto a Asociación Civitas Limicorum e a Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, xa son asociacións máis que consolidadas e seguro lles queda unha longa andadura e colaboración. Dende a AEFRH transmito os bos desexos para que todo salga rodado nesta nova edición aínda que o fará persoalmente o presidente Antonio Madrid quen nos visitará dende Cartaxena e compartira con todos os limiáns tres días de historia, tradición, recreación e moita festa.
VIVA A FESTA DO ESQUECEMENTO!
LONGA VIDA Á CIVITAS LIMICORUM!
Conchi Ogea foi presidenta de Asociación Civitas Limicorum e na actualidade fai parte da Vicepresidencia y Tesorería de la Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Histórica.