O Museo da Limia outorgaba por unanimidade no ano 2017 o seu primeiro Premio Pedra Alta a don Elixio Rivas Quintas, orixinario das terras de Xunqueira de Ambía . Debería ter obtido todas as distincións e todos os recoñecementos que se conceden en Galicia, a teor do seu fecundo labor investigador e divulgativo dos máis diversos saberes que conforman a cultura galega. Só polo seu espléndido A Limia (1980), completo compendio de estudos sobre a comarca, sería merecente dun monumento que recoñecese a súa xenerosa e espléndida contribución cultural.
“Abeiro de palabras galegas”, en fermosa definición do académico Xesús Ferro Ruibal, don Elixio, amigo dos camiños, peregrino da palabra, percorreunos todos e falou con persoas de todos os territorios ao longo de máis de vinte anos, na procura infatigábel do extraordinario tesouro lexical da nosa terra, ordenado e compilado durante máis de dez anos en vinte e sete volumes. Mestre da Etnolingüística, creador intuitivo, o seu legado reúne máis de sesenta libros e centos de colaboracións en revistas e xornais.
A teor do seu fecundo labor investigador e divulgativo dos máis diversos saberes que conforman a cultura galega, sería merecente dun monumento que recoñecese a súa xenerosa e espléndida contribución cultural.
Hai uns meses, a sección do museo Biblioteca da Limia recibía, por mandado persoal do polígrafo, boa parte da súa produción. Unha mostra máis de bondade e xenerosidade dun home que dedicou toda a súa existencia ao servizo do seu pobo e ao estudo e difusión das súas manifestacións culturais. Estaba pendente un acto de recepción e encontro con don Elixio nas dependencias do museo, que terá de ser xa coa ausencia física do protagonista.
Os seus restos ficarán no santuario dos Milagres, ao pé do monte Medo, que Rivas Quintas tanto amou, para seguir custodiando o impresionante museo etnográfico que foi creando ao longo da súa vida exemplar.
Estaba pendente un acto de recepción e encontro con don Elixio nas dependencias do museo, que terá de ser xa coa ausencia física do protagonista.
Desde o Museo da Limia, convidamos a todos á lectura e análise da obra de don Elixio Rivas Quintas, que indaga nos misterios do tempo e ilumina a existencia humana. Sempre na memoria e na estima, gratitude eterna a quen tanto nos deu sen demandar nada.
DELFÍN CASEIRO
Presidente do Padroado do Museo da Limia.
IN MEMORIAM Elixio Rivas Quintas (1925-2022).
Este texto, publicado co permiso do autor, apareceu este domingo nas redes sociais do Museo da Limia e do Concello de Vilar de Santos.