A primeira vaga de lumes do 2022 produciuse xusto na fin de semana que entraba en vigor a prohibición de queimas e cando o dispositivo se atopa en mínimos. A limitación dos recursos do servizo de extinción nesta altura do ano fixeron que se tivese que recorrer a medios aéreos do Ministerio de Transición Ecológica para combater lumes de pequenas dimensións.
A Consellería do Medio Rural deu por extinguidos os lumes que afectaron ao Larouco e ao Xurés durante a fin de semana. A maioría iniciáronse en Portugal. Os participantes na marcha en Defensa do Larouco puidérono comprobar directamente onte. Desde a cima divisáronse dous lumes na parte portuguesa do Larouco, e tamén a columna de fume que levantaba doutros lumes nos montes arraianos da Boullosa.
Tamén se rexistraron incendios cara o oeste, xunto a liña da fronteira, que afectaron ao Parque Natural do Xurés: en Randín (Calvos) e Venceáns (Entrimo), cunhas 50 hectáreas queimadas entre os dous. Nos lumes de Baltar dos que informou a Xunta o lume arrasou 5 hectáreas no caso de Abades, e 40 no da Boullosa. Houbo alertas doutros sinistros de menores dimensións en Prado e Requiás, Muíños, e en San Paio de Araúxo (Lobios), tamén dentro do Parque Natural.
Na parte leste do Larouco, houbo lumes en Cualedro nas parroquias de Montes e A Xironda. Desde o xoves e até onte, os incendios sucedéronse tamén en Viana, Vilariño de Conso e A Gudiña.
Brigadistas da BRIF de Laza, nun dos incendios en Baltar esta madrugada.| FOTO: BRIF Laza