Varias comunidades de regantes da Limia reuníronse esta mañá co presidente da Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), Francisco Rodríguez, e co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, para activar a inversión de 15,9 millóns de euros en obras de modernización dos regadíos no marco da Fase II do Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O "Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións de augas subterráneas A Limia 2022" afecta ás comunidades de Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo, e será a primeira actuación en materia de regadíos que se porá en marcha en Galicia por parte do Goberno.
O obxectivo da actuación é a construción de novas infraestruturas de rego dotadas con estacións de bombeo e filtrado, redes de tuberías, hidrantes, instalacións solares fotovoltaicas e elementos de regulación e almacenamento. Deste xeito, os agricultores disporán dunha toma de auga a presión próxima á súa parcela e estará integrada nun sistema de automatización e telecontrol.
A instalación de tuberías soterradas permitirá mellorar a eficiencia no transporte de auga bombeada dende as captacións ata as parcelas, o que supón un aforro de ata un 20% dos recursos. A implantación das enerxías renovables evitará a actual dependencia das enerxías fósiles, polo que se reducirán as emisións de gases de efecto invernadoiro e o custo enerxético. Ademais, o sistema de automatización e telecontrol favorecerá a dixitalización da xestión do rego de forma integral.