O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso de Lodoselo acaba de iniciar, dende febreiro, o Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social -POISES- , o cal está cofinanciado polo Fondo Social Europeo -FSE- e o Programa Integral de Intervención Comunitaria no Medio Rural da Xunta de Galicia.
O programa ten coma obxectivo principal o desenvolvemento de itinerarios de orientación, formación e inserción laboral adaptados a todos participantes e tamén aos condicionantes do medio rural. A finalidade é apoiar ás persoas que se atopan en situación de búsqueda de emprego ou a aquelas que desexan mellorar a súa situacion laboral actual, fomentando así a inserción de traballadores nos pobos.
CDR O Viso pon a disposición do público unha gran variedade de servizos de axuda para mellorar a súa formación e coñecementos no campo laboral que desexen. O centro ofrece unha ampla oferta de cursos formativos adaptados á necesidade de cada demandante, por exemplo en sanidade -un dos máis demandados- , hostelería, cociña, administración e xestión, atención ao público... Tamén dispón de asesoramento e diversas guías para preparar aos interesados cara a realización de futuras entrevistas laborais. Actualmente existe a opción de realizar parte da formación de xeito online -en caso de non dispoñer de conexión á rede ou ordenador poderase facer uso dos do propio recinto- .
Dende a data de aplicación do programa, o centro orientou xa a 84 persoas e consegueu contratos laborais fixos para 34 delas. Os demandantes son habitantes dos concellos de toda a Comarca da Limia, cunha idade comprendida entre os 16 e 65 anos aproximadamente.