O GDR Limia-Arnoia e a Reserva da Biosfera de Allariz, xunto coa Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal - AJAP - e a Associaçao Inovterra uniranse para traballar durante os próximos catorce meses nun proxecto no que se analizará o papel da muller dentro do sector agrícola. Este proxecto, que leva por título Equal Rural, está incluído dentro do “Citizens, Equality, Rights and Values Porgramme (CERV)” da Comisión Europea.
Este mércores tivo lugar a primeira reunión de traballo en Lisboa, na que se puxo en marcha o proxecto e á que asistiron representantes das catro entidades participantes para marcar os principais obxectivos. "Partimos da base de que segue a existir desigualdade de condicións entre os traballadores e as traballoras do sector agrícola. Así que conseguir que as mulleres teñan unha maior participación e representación dentro do sector agrícola é un dos retos que nos marcamos”, destaca Eva González, xerente do GDR Limia-Arnoia.
Buscar casos de boas prácticas que axuden a mellorar a inclusión e a participación da muller dentro da representación e da toma de decisións, aumentar a conciencia social sobre os desafíos aos que se enfronta o sexo feminino dentro do sector e promover o desenvolvemento persoal, social e profesional das mulleres serán as principais bases sobre as que se traballará nos vindeiros meses.