Dentro dun paquete de subvencións a concellos acordado hoxe na xunta de goberno da Deputación, o concello de Porqueira beneficiarase dunha axuda dun máximo de 8.685 euros para proxectos relacionados cos servizos de alimentación, hostalería e servizos sociais, no marco do programa EmprendOU.
Este programa é unha liña de apoio a iniciativas empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. Na reunión telemática da xunta de goberno deste luns, o goberno provincial aprobou a concesión a máis de 460.000 en subvencións.
En cooperación coas entidades locais, a Deputación aprobou tamén axudas de 15.000 euros para a rehabilitación dun lavadoiro na localidade de Nocedo, nos Blancos; e preto de 30.000 euros para as beirarrúas de Sabariz, en Rairiz de Veiga.
Na orde do día tamén figuraba a fixación do prezo público para unha edición facsímile do libro de Valentín Lamas Carvajal El cancionero del Miño. Lendas y tradiciones de Ourense.
Á reunión asistiron: Xosé Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Cesar Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Armando Ojea Bouzo (Deputado DO); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Juan Marquina e Adamantino Barreiro García (Secretario e Vicesecretario da Deputación Ourense).