A Asemblea Xeral da Asociación Limia Arnoia reuniuse este luns na Casa do Concello de Xinzo de Limia, rematado o período do programa LEADER 17-22, para tramitar a súa candidatura para volver a ser Grupo de Desenvolvemento Rural no período que agora se abre (2023-27). A asociación, entidade sen ánimo de lucro, ten até o 2 de agosto para rexistrar a candidatura e será AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) quen teña que lla conceder.
Unha vez se presente a candidatura, a asociación ten a intención de abrir un proceso de participación social para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Rural para o período 2023-27. Neste momento están a rematar a memoria na que se baseará ese proceso participativo. A idea é organizar catro mesas sectoriais nas que se distribuían os diferentes colectivos que fan parte do GDR e iniciar os debates. As mesas serán: unha institucional, unha do sector agrario, outra do comercio e o turismo, e outra de dinamización económica e cultural.
Eses debates deberían servir para definir a liña de traballo do GDR, que sectores e iniciativas deben ser prioritarias á hora de prestar apoio económico. O proceso consistirá en xornadas presenciais de traballo nesas mesas combinadas cunha campaña aberta en redes sociais de micro enquisas entre a cidadanía e durante varios meses. Este proxecto, que se denominará Cóntame, está en fase de deseño.
Un piar fundamental da futura estratexia será a xestión de terras abandonadas. “Estamos mirando a ver como podemos coñecer, estudar e ver a dispoñibilidade real de terras abandonadas. En todo o ámbito do GDR, loxicamente. Pero será unha acción que teña especial interese na comarca da Limia”, explica Eva González, xerente do GDR. “Trátase de saber onde están as zonas con máis demanda de terras e onde está a maior oferta de terras. E a ver se somos quen de dar cunha ferramenta para poñer a producir estas terras”.
“A estratexia para o período 2023-27 debería estar deseñada nun ano”, afirma González. Antes, o GDR Limia-Arnoia intentará ampliar a súa base social. Está en marcha unha campaña para incorporar asociacións xuvenís, de mulleres, agrarias, e entidades de acción social, para a conservación do medio ou do sector cultural, educativo e etnográfico. A campaña chámase Asóciate e inclúe un formulario para a inscrición telemática.
A campaña está na web do GDR (aquí), e lembra os obxectivos da asociación: valoración do patrimonio natural e cultural, mellora do entorno económico coa finalidade de contribuír á creación de emprego, e mellorar a capacidade de organización das diferentes comunidades.
XORNADA FORMATIVA MAÑÁ EN XINZO
Por outra banda, mañá xoves, ás 11:00 horas, o Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia acolle a primeira mesa de emprego organizada polo GDR Limia-Arnoia no marco proxecto Nó Rural. “Trátase dun encontro dirixido principalmente a persoas relacionadas co sector primario no que se intentará tecer unha rede que conecte a empresas e entidades das áreas rurais do noso territorio co talento da mocidade e conseguir así que os mozos e mozas traballen e vivan no medio rural”, explica o GDR nun comunicado emitido onte.