Rairiz de Veiga, Vilar de Barrio e Vilar de Santos fan parte dun grupo de nove concellos que se uniron para para optar ás axudas europeas para a posta en marcha dun plan turístico ao redor dos produtos de alimentación que se producen, transforman e comercializan na zona, segundo informa o GDR Limia-Arnoia nun comunicado de prensa este xoves.
Os nove concellos, que forman parte da Reserva da Biosfera da área de Allariz ou do Xeodestino Allariz - A Maceda (Allariz, A Bola, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Taboadela e Maceda) presentaron a súa candidatura á convocatoria do Plan de Sostebilidade Turística en Destino do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, que se financia con Fondos Europeos Next Generation.
O martes mantiveron un encontro representantes municipais dos nove concellos e do sector turístico no Centro de Promoción Económica de Allariz. “A principal idea deste ambicioso plan é a aposta polo desenvolvemento turístico ao redor dos produtos alimentarios de calidade que se producen, transforman e comercializan nos concellos”, explica o GDR.
E engade no seu comunicado: “Un dos obxectivos principais é artellar todos aqueles mecanismos que axuden aos pequenos produtores a por en valor as súas explotacións e os seus produtos así como crear canles de comercialización interna. Desta forma, preténdese converter a zona nun referente para os sectores económicos relacionados co turismo”.
A Xunta Directiva do GDR Limia - Arnoia aprobou este xoves o plan que se formalizará nos vindeiros días, conclúe a nota de prensa.