A asociación cultural Teatro Aneis acaba de cumprir 25 anos baixo un contexto de crise ocasionado pola pandemia. Unha época na que o seu director, Manolo Fontemoura, resalta como "a cultura necesita máis apoio que nunca".
O sector cultural está a pasar por momentos moi difíciles -anulación de concertos, obras teatrais, musicais, festivais...- Resulta necesario aportarlle toda a axuda posible para recuperar o seu auxe e a súa traxectoria. Pola contra, este impulso non se fixo ver no aniversario do teatro, o cal pasou totalmente desapercibido en gran parte da comarca da Limia. Tal como expón Manolo, "A cultura é segura (...) necesitamos apoio, máis apoio ca nunca das institucións e das persoas, pois este é un momento moi delicado". O recoñecemento que necesita a asociación faise palpable debido ao difícil contexto que está a padecer.
O Teatro Aneis leva anos sendo un referente da ensinanza teatral nas terras do Limia. Xurdiu no ano 1996, inspirado pola necesidade de dous mozos que querían levar a cabo representacións teatrais no Concello de Xinzo, e así o fixeron. A primeira obra representada foi "O ceo de Fornelos" de Varela Buxán -na Casa da Cultura de Xinzo-, e contou só con sete actores. Un ano despois, o teatro comezou a incluír grupos infantís, iniciando progresivamente o seu crecemento. Tal como expón o director, "Aneis é un pequeno milagro (...) son 25 anos de moito esforzo e traballo".
As representacións que máis se recordan da súa traxectoria foron "Os cabos da prata" e "A rúa da tranquilidade" -unha das últimas creacións-. Dende o ano 2003 todas as obras comezan a ser escritas á man de Manolo Fontemoura, pertencendo ao escritor unhas 70 en total.
Máis de 1000 limiáns pasaron xa pola ensinanza teatral de Aneis, formando parte das 800 representacións que rexistra a organización - moitas delas realizadas nas terras da comarca da Limia, pero tamén en toda Galicia, e diversos puntos de España e Portugal-.
Actualmente, a organización mantén a matriculación aberta ata o 30 de setembro, cunha cuota de inscripción mensual de dez euros ao mes e con dispoñibilidade de crear grupos de actuación en diversos puntos da Limia -como Xinzo ou Allariz- .