Unións Agrarias esixirá que os problemas do sector da pataca sexan tidos en conta na modificación da PAC que a organización está a negociar estes días co Ministerio de Agricultura. A casuística concreta que afecta a estes produtores debe ser atendida no paquete de medidas co que o Goberno central pretende dar resposta e atallar as protestas que agricultores e gandeiros están a impulsar na rúa; e nos vindeiros días trasladará a Madrid as súas peticións ao respecto.
A falla de terreos de cultivo suficientes e os requisitos que a Política Agrícola Común impón a día de hoxe están a supoñer un lastre para a produtividade do sector da pataca, de especial relevancia na comarca da Limia, así como para o do cereal. Unións Agrarias xa ten dado forma a unha táboa reivindicativa, acordada trala celebración este xoves dunha reunión sectorial con produtores da zona da Limia.
Solicitará unha modificación da PAC adaptada ao sector da pataca que inclúa cambios no Eco-Rexime de Rotación. Unións Agrarias lembra que, debido á limitación que os produtores galegos padecen no que acceso á terra se refire resulta imposible cumprir coa rotación obrigatoria cada catro anos, que reclamará sexa eliminada. E solicitará tamén que os pastos de menos de cinco anos sexan considerados como cultivo plurianual e queden exentos da obriga de rotación.
Do mesmo xeito, a organización reclamará que se permita o emprego de nabos como especie mellorante válida, debido ás dificultades que o cultivo de leguminosas supón; e solicitará que o 4% de barbeito obrigatorio pase a ser voluntario, así como que se reduza o número de fotos xeoreferenciadas actualmente esixido durante a campaña.
No que respecta ao Eco-Rexime de sega, tal e como demandan os produtores de pataca da Limia Unións Agrarias reclamará a modificación do período de non aproveitamento para que poida ser solicitado por explotacións que non posúan animais. Tamén esixirá a non eliminación das Zonas distintas de montaña que deixarían fóra a moitos Concellos galegos. Así como a prórroga do tempo permitido para o almacenamento de esterco ao aire libre antes da súa aplicación, e a revisión dos prezos e os rendementos dos seguros agrícolas.