O campus de Ourense foi o escenario da presentación do proxecto 'Axenda 2030. Plan de localización dos ODS en oito municipios do rural ourensán' este martes. Esta ambiciosa iniciativa, financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, está liderada polo Concello de San Xoán de Río e conta coa participación de oito concellos ourensáns, así como con profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo.

El proxecto constitúe “unha iniciativa de grande interese e potencial para a revitalización do rural, que aborda os desafíos sociais, económicos e ambientais mediante a localización da Axenda 2030 en concellos de menos de 5000 habitantes e a súa integración nas estratexias municipais”. Mostra do seu interese, apuntan, obtivo a cuarta mellor puntuación entre as 576 candidaturas presentadas á convocatoria do citado ministerio, sendo unha das dúas únicas aprobadas en Galicia e a única da provincia de Ourense. Participan os concellos de Esgos, Larouco, Oímbra, Taboadela, A Teixeira, Vilariño de Conso, San Xoan de Río e Porqueira.
No acto de apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembró como a institución académica ten abertas sempre as súas portas á colaboración coas entidades da contorna. Neste senso, reafirmou o compromiso da institución académica co reto de “facer territorio”, con especial fincapé no desenvolvemento do rural, e a súa convicción de que cando se xuntan diferentes forzas para realizar proxectos, como é o caso do lanzado este martes, “os resultados non só se suman senón que se multiplican”.

Pola súa banda, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha dunha acción que, apuntou, está en concordancia coa aposta do seu centro pola sostibilidade e a conexión coa contorna.
Xosé Miguel Pérez, alcalde do Concello de San Xoán de Río, subliñou no lanzamento da iniciativa a importancia de que tamén desde o rural se traballe para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030, apuntando datos como que en Europa o rural representa o 80% do territorio. O alcalde destacou que co proxecto presentado “queremos que Ourense sexa modelo” na aplicación destes obxectivos e amosar que “dende o rural pódense facer cousas”.

Maribel Doval, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social e investigadora do grupo HC1 da Universidade de Vigo que participa no proxecto, explicou que esta iniciativa nace tendo en conta o impacto que os ODS teñen no ámbito rural e a súa falta de visibilización e co reto de “non quedarse na diagnose e pasar tamén á acción” neste eido.
Eva D. Castro, consultora que elaborou a candidatura e encargada da xestión técnica do proxecto, explicou en detalle as características da iniciativa Así, detallou, "nel abórdanse tres eixos prioritarios do Reto País 8 da Axenda 2030: o despoboamento, o envellecemento poboacional/lonxevidade e a masculinización do territorio".

O proxecto realizarase desde maio a outubro. A súa primeira fase centrarase en realizar unha diagnose da situación actual dos oito municipios rurais implicados, identificando as accións transformadoras a desenvolver en cada un deles vinculadas aos ODS. Na segunda etapa definiranse as follas de ruta das accións seleccionadas entre os concellos para a súa implementación e realizarase un mapeo delas. Xa a terceira fase será de seguimento das accións e a súa alienación cos ODS e a cuarta o peche e comunicación. Os resultados agardados son a elaboración en cada concello implicado dun Plan estratéxico local vinculado aos ODS e o deseño e implementación dunha acción transformadora, que estará ademais vinculada á actualización do Plan de Igualdade de cada municipio. Por último, a iniciativa culminará coa realización dun mapeo rural de iniciativas vinculadas aos ODS e unha web na que se poderá consultar este e os demais materiais froito do proxecto.
Respecto ao papel da Universidade de Vigo, Maribel Doval encárgase do deseño e implementación da metodoloxía para deseñar a axenda rural e urbana en cada un dos concellos a través dun proceso colaborativo de localización conxunta dos obxectivos e metas dos ODS. “Isto permitirá deseñar unha folla de ruta para aliñar todas as políticas e accións municipais cos ODS co fin de abordar os principais retos dos territorios”, afirma.

Segundo explicou a profesora da UVigo, trátase dunha abordaxe que toma en conta as experiencias directas dos actores locais como as mellores prácticas establecidas no ámbito de desenvolvemento sostible rural. Froito deste traballo, subliña, obterase “o primeiro mapeo de accións aliñadas cos ODS en municipios do rural ourensán con capacidade de transferencia a outros municipios, o que permitirá medir a consecución real das metas dos ODS de aquí a 2030”.