Mirian Opazo, candidata limiá ao Parlamento Europeo e responsable local da organización, comprometeuse a traballar con Ana Miranda para levar a Bruxelas o problema de mobilidade de Xinzo de Limia.
O BNG, que lamenta que a obra das avenidas tantas veces anunciada non avanzase e que se estean consumindo prazos ata poñer en risco o proxecto, ten denunciado en diferentes ocasións a falta dun plan xeral de mobilidade en Xinzo que ofreza solucións alternativas para, especialmente, evitar o paso do tráfico pesado polo centro da vila. Mirian Opazo xustifica a necesidade recordando que "o 25 de abril vimos como un camión non era quen de manobrar no cruce entre a xeral e a rúa 2 de maio, o que é un risco que xa viñamos denunciando".
Opazo mantén que "o peso estratéxico do sector primario é indiscutible e supón o garante económico e social da comarca, polo que precisa de apoios ambiciosos e modernos que lle faciliten, por exemplo, o transporte. Isto tamén beneficia ao outro sector clave, o do comercio e a hostalaría".
A circunvalación sur de Xinzo foi defendida polo Bloque en numerosas ocasións. A última vez, nas eleccións municipais de 2023, cando se reclamaba o apoio das Administracións para acometer unha solución eficaz e definitiva a un problema que afecta á veciñanza.