jueves. 21.11.2024

Juan Carlos Álvarez Pérez, Juáncar, un defensa central de 26 anos que a pasada tempada foi titular no Nogueira de Ramuín en Preferente e que xa xogou tres campañas no Antela entre 2017 e 2020, volve á Moreira como penúltima fichaxe do club para a próxima Liga en Preferente. O Antela xa só busca un porteiro. O equipo está (case) completo con 23 xogadores. Co reforzo de Juáncar, un deses nomes da lista de futbolistas limiaos que desexaba a directiva, Óscar Sabucedo dispón dunha liña defensiva con Tazos, Romero, Breixo, Quintairos, Peque, Aarón, e eventualmente Adrián, que xogou como lateral na última Liga co Pabellón xuvenil.


A falta do segundo gardameta, a lista de fichaxes ten nove nomes: Juáncar, Adrián, Fabio, Noel, Xosé, Peral, Tumbeiro, Anxo e Carlos López. Cinco deles teñen vínculos directos con Xinzo e xa contan con experiencia na Moreira. E, salvo Noel, son xogadores por baixo da trintena. A presentación do novo cadro de xogadores terá lugar na Moreira o xoves da semana que vén, 4 de agosto ás 20:30 horas. Esa noite comezarán os adestramentos de pretempada.


Óscar Sabucedo programou 17 sesións preparatorias e seis partidos amistosos antes do debut na Liga o próximo 11 de setembro. O primeiro amistoso será co Loñoá (o 12 de agosto), nese mesmo mes o Antela xogará contra o Monterrei (día 19), Pabellón xuvenil (día 24) e U.D. Ourense (día 28). En setembro os rivais serán o Nogueira (o día 1) e o Maside (día 8). 


Hoxe mesmo a directiva fixo públicos os prezos para socios e socias de cara a tempada en Preferente. A cota do carné individual sobe dez euros e custará 50 euros. Os abonos familiares terán desconto. Para dúas persoas custará 90 euros, e para tres, 130 euros. Tamén terán rebaixa os socios sub'25, cun abono a 30 euros. As menores e os menores de 18 anos teñen entrada gratis. Polo que respecta ás empresas e establecementos colaboradores, a cota sitúase nos 80 euros.

⚽ AVANCE | Juáncar dá o si, e o Antela xa só busca un porteiro