O club segue buscando un porteiro e un defensa centralO Antela F.C. está a punto de completar o cadro de futbolistas de cara a tempada 2022-23 en Preferente. Este sábado, o club anunciou as incorporacións de Fabio Losada, mediocentro procedente do Sporting de Celanova, e de Xosé Rivero, interior formado no Antela e que xogou a pasada campaña no Piñeira Seca. Fabio e Xosé completan a liña na que Óscar Sabucedo contará tamén con Noel García, que chega do Verín, na que se manteñen Xavi Lamas, Carrasco, Carballo e Pedro, e na que poderían entrar Adrián e Anxo, recuperados polo club despois do seu paso pola canteira do Pabellón de Ourense.
Fabio Losada ten 25 anos e foi titular a pasada tempada no Sporting de Celanova en Primeira galega. Formado no Pabellón, pertenceu ao Velle, co que conseguiu o ascenso na campaña 2017-18 e debutou na Preferente ao ano seguinte. Tamén anota outro ascenso: co Arnoia, a Terceira, na 2020-21, aínda que con poucos minutos naquela Liga.
Xosé Rivero é de Xinzo, formouse no Antela e traballa como agricultor na empresa familiar. Deixou o Antela tras ter disputado 33 partidos e máis de 2.000 minutos na tempada 2018-19 na Preferente e 24 partidos e case dous mil minutos ao ano seguinte. Despois dunha tempada sen fútbol, a última Liga pelexou co Piñeira Seca polo ascenso a Primeira. Xosé Rivero é parte da política do club de incorporar futbolistas limiaos. Intentouno, entre outros, cos dianteiros Rivero e Isma, que están no Barbadás, e con Pablo Xinzo, tamén dianteiro e que parece que se decidirá polo Barbadás.
O outro limiao en carteira é Juancar, un central que xogou a última Liga de Preferente co Nogueira de Ramuín. A contratación dun central que poida render ao nivel de Breixo e Quintairos é unha prioridade, e a última necesidade xunto á fichaxe dun porteiro que compita con Suso.
O Antela empezou o verán anunciando a incorporación de Noel García (mediocentro). Despois incorporou a Pablo Romero (lateral), Miguel Peral (dianteiro) e Carlos López (media punta) en tres días consecutivos a finais de xuño. Até ese momento, só Carlos López pertencía a esa lista de futbolistas limiaos. Chegaron tamén Adrián (centrocampista) e Anxo (media punta), que acaban de pasar a etapa xuvenil. Veñen do Pabellón, aínda que Anxo xogou competición de fútbol sala a maior parte da tempada. Ambos volveron vestir a camiseta do Antela nunha breve presentación o pasado luns na Moreira. Cos de Fabio e Xosé, o Antela suma xa oito incorporacións.
Do equipo da tempada pasada continúan Suso, Breixo, Quintairos, Peque, Tazos, Xavi Lamas, Carrasco, Pedro, Joni, Borja, David Lamas e Sergi. Sabucedo pode arrancar a tempada con algún xuvenil, ademais de Carballo, habitual desde marzo. A directiva conta con dispoñer dunhas 20 fichas en Preferente, ademais de futbolistas que alternen o filial (xa houbo acordo esta semana coas Escolas Deportivas de Xinzo) co primeiro equipo.